Fisterra recupera esta fin de semana o seu 'Blues Experience'
xuño 8, 2022
Esta vindeira fin de semana o festival Fisterra Blues Experience chega á súa VI edición e faino cun formato ampliado e ambicioso ofrecendo espectáculos de destacados artistas galegos, nacionais e internacionais nun amplo abano de sons sen deixar a de atender ao blues ao que debe o seu nome. Oito dos once artistas confirmados no cartel son galegos. Nesta VIª edición a vila fisterrá volverá acoller actividades nas súas prazas e rúas, ademais de no seu emblemático faro e no campo de fútbol Ara Solis, que toma o seu nome do altar ao sol construído polos fenicios nesta localidade da Costa da Morte. En total, serán tres días de experiencias únicas, do 10 ao 12 de xuño, nas que a música, a historia, a natureza ou os ansiados encontros, serán protagonistas tanto en terra firme coma nas augas da Costa da Morte.
O campo de fútbol Ara Solis será de novo o escenario principal do cartel deste FiBE 22. Alí actuarán, o venres pola noite, Guadi Galego, JP Bimeni & The Black Belts e Adrián Costa Blues Band. O sábado será a quenda de Ilegales, Al Dual e De Vacas. As viaxes en barco, en colaboración con Cruceros Fisterra, estarán nesta nova edición acompañadas das actuacións da Fisterra House Band feat. Degüello, o sábado pola tarde, e de Tato & Espiño o domingo pola mañá. Desde a impresionante terraza do Semáforo de Fisterra, outro dos colaboradores locais, celebrarase o fin de festa coa tradicional jam session, que reúne artistas deste FiBE 22, co Atlántico como pano de fondo. Incrementar a dimensión do talento local, do turismo, do emprego e do tecido produtivo de Fisterra e a súa contorna son obxectivos deste proxecto. A interacción entre cultura, natureza e turismo para promover, de xeito sustentable, a proxección internacional da Costa da Morte.