Ir ao contido directamente.


Noticias

O IV Celme da Zanfona reivindica en Lugo o legado dos cegos cantores

Xénero: Folk | 13 / 9 / 2024

imaxe non dispoñible

O Centro de Artesanía e Deseño, en Lugo, acolle ata o vindeiro 15 de setembro a cuarta xeira de Celme da Zanfona. Este ciclo dedicado ao instrumento tradicional de corda céntrase nesta ocasión no legado dos cegos cantores, aos que a organización cualifica como "portadores da esencia das músicas de tradición oral desde a Idade Media". A Vicepresidencia da Deputación Provincial corre coa organización deste encontro anual.

Unha exposición repasa a historia da música gravada en Galicia

Xénero: Miscelánea | 10 / 9 / 2024

imaxe non dispoñible

Co título As historias da música gravada, o Museo Etnolóxico de Ribadavia abría este 6 de setembro unha nova exposición centrada na evolución dos rexistros sonoros no noso país. A proposta, coordinada polo festival Arteficial e a Escola Sinsal, convida ao público a explorar esta historia a través de oito figuras clave mediante o uso da banda deseñada.

Estrean en Ponteareas 'Danzas gulanesas' de Rogelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

A suite para cordas 'Danzas gulanesas', composta en 1996 polo mestre Rogelio Groba (1930, 2022) estrearase hoxe no marco do XII Festival Groba, no Auditorio municipal de Ponteareas. Co fillo do compositor, Rogelio Groba Otero, como director a Orquestra de Cámara Galega será a encargada de presentar ao público estea noite ás 21 horas esta obra do desaparecido mestre, do que tamén se interpretará a peza "Polas rúas de Ponteareas". A obra de estrea, 'Danzas gulanesas', é unha suite para cordas inspirada nas tradicións populares do Rancho de reis, no que agrupacións de músicos e danzantes percorrían as parroquias pedindo o aguinaldo nas festas de reis e leva o nome de Guláns, unha desas parroquias de Ponteareas, de onde era o mestre Groba.

O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará con un cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz. No seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz o festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados afondando nas novas sonoridades do jazz a través de nove sorprendentes propostas que abrazan o xénero desde diferentes sensibilidades.

O ciclo Espazos Sonoros xa ten programa de visitas e concertos para setembro

Xénero: Antiga | 7 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

Unha nova edición do festival Espazos Sonoros, e xa será a décima sexta, terá lugar do 1 ao 28 de setembro. O festival percorrerá diversos lugares como a igrexa de Santiago e as Torres de Mens, en Malpica, a ría de Ferrol, as Terras de Iria, o Xeoparque Cabo Ortegal, o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, a contorna de Baroña e o bordo portuario do Porto do Son. Coma todos os anos, a programación propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para afondar nos contidos musicais da programación. Haberá un espazo de conversa no teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona, as Torres de Mens visitaranse da man do experto Héitor Picallo, haberá unha ruta literaria polas Terras de Iria, da man de Manuel Lorenzo Baleirón, unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol e o Xeoparque Cabo Ortegal, para rematar cunha camiñada pola contorna do castro de Baroña. O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.

A imaxinación musical do Baldo Martínez Sexteto

Xénero: Jazz/Blues | 7 / 8 / 2024

BaldoMartinez_6MusicaImaginaria.jpg

"Danza imaginaria" é o tema de presentación de 'Música Imaginaria' (karonte Dsitribución, 2024), novo traballo do sexteto liderado polo contrabaixista Baldo Martínez e que comparte con Julián Sanchez (trompeta e fiscorno), Juan Saiz (saxos e frauta), Joâo Barradas (acordeón), Andrés Coll (vibráfono e marimba) ea tamén galega Lucía Martínez (batería e percusión). Este disco, xurdido dun proxecto producido polo Festival de Jazz de Vitoria 2023 como encarga a Baldo Martínez, deu neste traballo discográfico que tivo a presentación oficial na edición deste ano do festival. Vencellado directa e explicitamente cos sons do folclore galego, o disco ofrece mostras da calidade dos seis artistas que nel conflúen e a súa capacidade para o "free jazz", improvisando a partires das composicións de Martínez e sesións de estudio ou directos. Unha mostra do poder da imaxinación musical que dá nome ao álbum en claves contemporáneas.

Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario

Xénero: Pop | 6 / 8 / 2024

eladio_estereo_estrada.jpg

O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.

Rosalía Fernández presenta o disco de poesía "De centeo e durmideiras"

Xénero: Fusión | 24 / 7 / 2024

a0449239727_10.jpg

"De centeo e durmideiras" (Ferror Records, 2024) é un disco de poesía, "palabra falada" como performance poético-musical. Rosalía Fernández Rial (Muxia, 1988) asina este traballo que supón o seu segundo disco en solitario tras "Desnortada" (Ferror Records, 2021). Como acordeonista Rosalía forma parte do grupo Chicharrón. Tanto este álbum como o anterior son homónimos de obras literarias publicadas pola multidisciplinar artista. Neste caso os seis poemas que poden ser escoitados están recollidos tamén no libro "De centeo e Durmideiras" (Cuatro Lunas, 2024), publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de Kalandraka. Para este traballo de spoken word Rosalía asumiu ademais da voz, o acordeón e sintetizador, facéndose acompañar na zanfona por Guillermo Reiriz e na produción artística por Manolo Dourado. Nas texturas de cada poema contan moito como parte indispensable os sons de natureza, que foron engadidos por Belén Lorenzo, grazas a eles atopamos o máis orgánico e vivo destes poemas cuxo acompañamento musical, como unha rede, enlaza todo o álbum nun continuo.

Música no Claustro achega sete concertos á Catedral de Tui

Xénero: Miscelánea | 24 / 7 / 2024

imaxe non dispoñible

Artistas de Mali, Suíza, Canarias, Portugal, Andalucía e Galicia compoñen o programa da décima octava edición de Música no Claustro. A Catedral de Tui acolle entre o 1 e o 7 de agosto os sete concertos que compoñen esta xeira.

Alejo Amoedo ábrenos os salóns pontevedreses do século XIX

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 7 / 2024

mansion-dos-anxos-2.jpg

O pianista Alejo Amoedo (Redondela, 1966), catedrático de Música e Artes Escénicas no Conservatorio de Vigo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes ven de publicar no selo musical Dos Acordes o disco 'A mansión dos anxos'. Este singular traballo publicado en formato de vinilo de 12 pulgadas vai máis alá do concepto de disco e desde a súa intención investigadora e descubridora ata a inclusión da información que achegan os textos do musicólogo Daniel Sanmartín, supón unha obra de corte case ensaístico restrinxida a un tema moi concreto que xa reflicte xunto ao título: ' Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX'. A obra xurde como froito dun traballo de investigación levado a cabo os pasados anos por Amoedo, para afondar no coñecemento dun xénero vencellado a unha época e contribuír á divulgación dun repertorio e uns autores pouco coñecidos, cando non directamente descoñecidos. En total son once pezas de nove sinaturas as que Alejo interpreta neste álbum.

. 1 a 10 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR