Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O ciclo Espazos Sonoros xa ten programa de visitas e concertos para setembro

A NOVA EDICIóN COMEZARá O DíA 1 E CHEGARá A MALPICA, ORTIGUEIRA, PORTO DO SON, FERROL E PADRóN

O ciclo Espazos Sonoros xa ten programa de visitas e concertos para setembro

ANTIGA | agosto 7, 2024

imaxe non dispoñible

Unha nova edición do festival Espazos Sonoros, e xa será a décima sexta, terá lugar do 1 ao 28 de setembro. O festival percorrerá diversos lugares como a igrexa de Santiago e as Torres de Mens, en Malpica, a ría de Ferrol, as Terras de Iria, o Xeoparque Cabo Ortegal, o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, a contorna de Baroña e o bordo portuario do Porto do Son. Coma todos os anos, a programación propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para afondar nos contidos musicais da programación. Haberá un espazo de conversa no teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona, as Torres de Mens visitaranse da man do experto Héitor Picallo, haberá unha ruta literaria polas Terras de Iria, da man de Manuel Lorenzo Baleirón, unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol e o Xeoparque Cabo Ortegal, para rematar cunha camiñada pola contorna do castro de Baroña. O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.

O cartel deste ano combina, como vén sendo habitual, proxectos de experimentadas formacións galegas con figuras convidadas do máis alto nivel internacional. Así, poderase escoitar en concerto unha das formacións máis prestixiosas do mundo da música antiga, o conxunto La Grande Chapelle, dirixido por Albert Recasens, o Ensemble Phaedrus, de frautas travesas, dirixido por Mara Winter, o grupo das Kolorit, do que forma parte a galega Rosalía Gómez Lasheras, ou os galegos La Moresca e o Concert Le Phénix. Pechará a edición o cuarteto de saxofóns asLan ensemBle, do que forma parte a galega Helena Otero cun concerto participativo no que será interpretada unha obra de Salvatore Sciarrino, para cuarteto de saxofóns e cen saxos en movemento. Para iso, Espazos Sonoros fai unha convocatoria aberta ao tecido musical galego co fin de contar con saxofonistas de calquera nivel, idade, formación e independentemente do estilo de música co que se identifiquen, que queiran participar nesta singular experiencia para a que non son precisos coñecementos previos, senón seguir as instrucións do asLan ensemBle no obradoiro que terá lugar antes do concerto. Os concertos son de balde e a entrada libre até completar a capacidade. No catálogo e na web oficial poderanse consultar as actividades para as que cumpre realizar unha inscrición previa, así como o procedemento para a reserva das prazas.

Ligazóns