Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O IV Celme da Zanfona reivindica en Lugo o legado dos cegos cantores
O IV Celme da Zanfona reivindica en Lugo o legado dos cegos cantores
setembro 13, 2024
O Centro de Artesanía e Deseño, en Lugo, acolle ata o vindeiro 15 de setembro a cuarta xeira de Celme da Zanfona. Este ciclo dedicado ao instrumento tradicional de corda céntrase nesta ocasión no legado dos cegos cantores, aos que a organización cualifica como "portadores da esencia das músicas de tradición oral desde a Idade Media". A Vicepresidencia da Deputación Provincial corre coa organización deste encontro anual.
O programa, que se desenvolve desde este 12 de setembro e durante a fin de semana no Centro de Artesanía e Deseño, inclúe conferencias, clases maxistrais, proxeccións audiovisuais, actuacións musicais e espectáculos teatrais dedicados a afondar no repertorio, os recursos técnicos e expresivos e o contexto destes músicos itinerantes ao longo da historia.
Unha clase maxistral de zanfona a cargo de Anxo Pintos e o espectáculo teatralizado Romance de unha fatal ocasión, que combina dramaturxia, música tradicional e monicreques a partir dun texto do Seminario de Estudos Galegos en homenaxe a Castelao, compoñen o programa da primeira xornada.
Para o sábado 14 está prevista unha clase maxistral de canto a cargo de Miro Casabella, unha conferencia de Iván Abal Pulleiro sobre as tipoloxías de cantares de cego na tradición galega e mais outra de César Prata sobre esta forma artística en Portugal.
Nesta xornada preestrearase tamén o filme Na procura dun son perdido. A zanfona, memoria da transición. Este documental, producido polo Consello da Cultura Galega, realizado pola aCentral Folque e a produtora Aqueladas con dirección de Ramon Pinheiro, achégase ao rexurdir que tivo este instrumento nas décadas dos 70 e 80. Un concerto de Ariel Ninas e César Prata completa o programa da xornada.
Para domingo a sesión formativa está a cargo de Óscar Fernández, mentres os recitais rememorarán O crime da leiteira nicolasa da man de Carme Romero e Javier Díaz, e mais o traballo de A cega do Covelo por parte de María López Carballo.
Dentro do programa e ata o vindeiro 31 de outubro, a Capela de Santa María acolle a exposición Pregos de cordel: Crimes, monstros e milagres que amosa unha selección de 80 documentos do Arquivo Castro Vicente. Estes textos, na súa maioría de tema galego "permite observar de preto as calidades formais, editoriais, literarias e relativas á estampa destes impresos con romances, coplas e outros escritos en prosa e verso que os cegos cantores vendían nas feiras", segundo explica a presentación do proxecto.
Arredor desta exposición, a Deputación de Lugo anuncia a celebración de diferentes actividades complementarias que se desenvolverán ata final de ano.