Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días

O EVENTO REúNE NA COSTA ÁRTABRA UN CARTEL QUE AFONDA NAS NOVAS SONORIDADES DO XéNERO

O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días

JAZZ/BLUES | agosto 9, 2024

imaxe non dispoñible

Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará con un cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz. No seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz o festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados afondando nas novas sonoridades do jazz a través de nove sorprendentes propostas que abrazan o xénero desde diferentes sensibilidades.

A edición arrancará co pianista menorquín Marco Mezquida no Pazo da Cultura de Narón para viaxar despois desde as abordaxes intimistas das galegas Antía Muíño e Leticia Rey ata o jazz de cuño mediterráneo de Alba Careta Group e Magalí Sare & Manuel Fortià, facendo paradas tamén no jazz-rock progressivo dos ferrolanos Demo Rumudo, no proxecto vertebrador do Cuarteto Federal, e na aposta persoalísima do compostelán Pablo Sanmamed Trío, desta vez xunto ao óboe e o corno inglés do reputado Benxamín Otero. Completan o programa as aulas abertas de baile conducidas por Swing On, o curso de palmas flamencas que impartirá Isaías Salazar, un obradoiro de fabricación de instrumentos musicais con material de refugallo a cargo da Escola da vaca, o piano bar itinerante de Le BarLuthier, e un roteiro musical polos Balcóns do Atlántico cunha intervención do saxofonista Lois Rivera. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde na web do festival.

Ligazóns