Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Agadic convoca as axudas para programacións musicais

AS SUBVENCIóNS APOIAN A REALIZACIóN DE PROXECTOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE MúSICA AO VIVO

A Agadic convoca as axudas para programacións musicais

MISCELáNEA | xuño 3, 2022

imaxe non dispoñible

Ao abeiro dos fondos Fondos de Desenvolvemento Rexional para a recuperación da pandemia, na liña REACT-UE, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar unha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución desta medida, que conta cun orzamento total de 600.00o euros e vai dirixida a espazos de exhibición musical privados, situados no país e coas preceptivas licenzas, que teñan realizado un mínimo de 25 concertos ao longo do último ano.

A medida prevé subvencións de ata 20.000 euros por sala, a cubrir o 100% do orzamento presentado, para desenvolver programacións integradas no marco da Rede galega de música ao vivo. Estes programas deberán desenvolver entre 6 e 10 concertos ata o 30 de setembro de 2023. Todos os recitais deberán ter entradas de pago cun prezo mínimo de 5 euros, e establécense mínimos de cobro por cada membro da banda (250 euros) e custo máximo de cada actuación (2.500 euros). As propostas musicais deberán ser de proxectos galegos e contar cun mínimo de 40% de artistas femininas.

Canda a este liña, que cobre a metade do orzamento da convocatoria, apóiase tamén o desenvolvemento de programacións complementarias ás incluídas na Rede de Música ao Vivo. Neste caso deberán realizarse entre 25 e 67 concertos no período contemplado, cun mínimo do 50% de proxectos galegos, entradas de pago e propostas de visibilidade para artistas femininas. As empresas interesadas teñen tres meses para realizar as súas solicitudes.