Ti estás aquí > Inicio / / As mulleres 'visibles e sonoras' da música contemporánea
As mulleres 'visibles e sonoras' da música contemporánea
maio 31, 2022
Este mércores, 1 de xuño comezan, cun Solo de Arpa de Cristina Montes Mateo ofrecendo un programa de música orixinal de nove compositoras españolas, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. Ata o 29 de xuño desenvolveranse en Santiago estes encontros que consistirán en tres coloquios e nove concertos. O eixo transversal deste ciclo son as achegas femininas, xa sexa de compositoras como intérpretes ou investigadoras, no marco da música contemporánea. Daí que o título desta edición sexa "(In)visibles e sonoras", buscando traelas diante do foco. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Santiago (Compostela Cultura), o CGAC, a USC, a Deputación da Coruña e o Consorcio da cidade. As xornadas celébranse en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías. Todos os eventos serán con entrada de balde, previa retirada de convites.
O mércores 9, botarase unha ollada interdisciplinar á obra de Maruja Roca coa estrea de ‘120 fotografías + 8 fabulacións’. Música, poesía e imaxes trenzadas en homenaxe dunha artista que vén de saír do silencio. As 120 imaxes de quen foi unha das fotógrafas máis abraiantes do país recuperadas no libro O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020). '120 fotografías + 8 fabulacións' é unha ollada multidisciplinar á obra desta artista con música de Pablo Sanmamed creada especialmente para o espectáculo que aquí se estrea. Un total de oito composicións narrativas contemporáneas que, con influencias doutras sonoridades, ver quen en partituras os líquidos de revelado. Ademais en dúas das xornadas a musicóloga Rosa María Fernández presenta 'Elas fan ópera', un percorrido polas diferentes achegas que teñen feito a esta arte contemporánea as máis sobresaíntes dramaturgas, compositoras, directoras de escena e cantantes. O martes 22 o Trío Zukan presenta 'Miradas Sonoras' e o venres 25 chega 'Un pecado cheo de pracer' da man de Vertixe Sonora; ambos os dous programas con obras compostas por mulleres e no caso de Vertixe inclúe a estrea absoluta de catro delas de Yulan Yu, Manuela Guerra, Eda Er e Alyssa Aska. A programación péchase o martes 29 con 'Cello&Electronics' da man de Margarida Mariño, violonchelista, e o deseño de iluminación e escenografía de Laura Iturralde.