Ir ao contido directamente.


Noticias

Quico Comesaña presenta o seu primeiro traballo en solitario

Xénero: Folk | 8 / 8 / 2022

quicocomesana_mae.jpg

Cun extenso percorrido musical ás costas como integrante de formacións importantes e coñecidas como Fía na roca e Berrogüetto, Quico Comesaña (Navia, 1962) asina o seu primeiro disco en solitario "Mãe", que ven de saír á venda este pasado mes de xullo. No disco, Comesaña aposta polas composicións longas, puramente instrumentais e cun marcado carácter de 'suite' para un traballo integrado por catro pezas de arredor de 10 minutos e de nomes tan evocadores dese folk ligado ao concepto cosmogónico de 'Nai terra' como Clorofilia, Marea, Animal Sapiens e Terránea. Preséntase coma unha homenaxe ao feito feminino dador da vida.

Quiosco: Sons da Galiza 2

Xénero: Miscelánea | 8 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Óscar Martínez acaba de publicar na rede a segunda entrega da revista Sons da Galiza, revista dedicada ás músicas do noso país. Unha entrevista con Fernando Barroso a repasar a súa carreira e proxectos, outra na que Daniel Minimalia explica a súa experiencia a traballar nos Estados Unidos como gañador dun Grammy, e unha terceira con Pedro Lamas a abordar a súa Misa de gaita, concentran o groso das páxinas da publicación.

O festival Vilablues chega a un novo porto

Xénero: Jazz/Blues | 3 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

O Vilablues é unha cita clásica da axenda estival galega coa mellor música blues e soul. O festival, iniciado fai anos en Vilagarcía onde tivo praza durante varias edicións, celebrouse os pasados dous anos en Noia cun considerable éxito e ambiciosos carteis artísticos. Agora o evento recala nun novo porto das nosas costas coma se dun barco se tratase e pasa das Rías baixas ás altas, concretamente a ese bulideiro actual que é Ferrol. Enmarcado nos concertos do xacobeo 2021-2022 o Vilablues terá lugar esta semana na contorna do peirao local buscando a súa consolidación e amarre fixo na vila ferrolá. Os promotores, Gumersindo Meijón e Maximino López, presentaron esta edición na que o cartel mantén algúns nomes ilustres da escena internacional que pasaron e deixaron selo noutras edicións do festival.

Unha maior proxección internacional marca o IX Noia Harp Fest

Xénero: Miscelánea | 2 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

Artistas de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia fan parte do programa do IX Noia Harp Fest, que se celebra entre o 3 e o 7 de agosto. No programa destacan nomes coma Anna Amigó, Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec.

O SonRías Baixas de Bueu volve esta semana co seu formato meirande e variado

Xénero: Miscelánea | 2 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

O festival SonRías Baixas 2022, que se celebrará esta semana os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, volve con forza apostando polo grande formato e cun cartel máis ecléctico e variado que nunca. Esta décima novena edición do festival contará con Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos, García Mc & Nación Quilombo, Balkan Paradise Orchestra e as incorpora unha sesión vermú con Grande Amore e La Duendeneta. O evento propón así un programa amplo e variado, que combina artistas consolidadas con bandas emerxentes, facendo fincapé na intención de chegar a todos os públicos ao incluír no seu line up estilos diversos como o rap, o rock, o stone, as músicas de raíz ou mesmo o pop. Ademais, SonRías Baixas será o marco no que 11 bandas e artistas presenten os seus novos espectáculos ou traballos discográficos.

Unha ampla delegación galega visitará o Festival Intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 1 / 8 / 2022

imaxe non dispoñible

O Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, recupera a normalidade e contará neste 2022 cunha ampla delegación da música e do baile tradicional do noso país. No marco dos 120 espectáculos que se programan na 51 edición do evento estarán presentes Caamaño&Ameixeiras, Fiandola e mais a colaboración de crnds e Fransy González, artista que tamén participará no espectáculo orixinal Celtic Odyssée. O festival celébrase entre os días 5 e 14 de agosto.

O DILUVIO das Tanxugueiras chega para mollarse

Xénero: Fusión | 29 / 7 / 2022

capa_diluvio_tanxugueiras.jpg

Por moito que estiveramos máis que avisados, o DILUVIO das Tanxugueiras ven de caer e empapar todo. O feito de que xa coñecésemos previamente máis da metade da ducia de temas que conforman este terceiro álbum das cantareiras non lle resta forza ningunha ao disco nin a eses temas que como Terra, Figa, Midas ou Averno xa levan tempo presentes entre nós ou aos lanzamentos máis recentes de Seghadoras ou o máis inmediato lanzamento con videoclip, 'Fame de odio'. O disco das "Tanxus" consegue dar sentido a todo o feito, xuntalo e presentalo nunha narrativa sonora compacta e rica, amosando unha variedade de influencias e ferramentas sonoras de expresión contemporáneas manexadas sen complexos sobre unha sólida base tradicional.

Homenaxe musical a Luz Pozo Garza polo seu centenario

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 7 / 2022

imaxe non dispoñible

A Xunta promove o concerto 'Sol de Medianoche' hoxe no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia co que completa a súa homenaxe á escritora Luz Pozo Garza (1922-2020) no ano do centenario do seu nacemento. Os seus poemas musicados en composición de Gabriel Bussi (Montevideo, 1975) poderán escoitarse hoxe, coincidindo co día no que cumpriría cen anos. As 12 pezas que compoñen o programa de Sol de Medianoche serán interpretadas polo Quinteto de Cordas Schubert, formado por Gabriel Bussi e Ángel Marote (violíns), Raymond Arteaga (viola), Elena Escalza (violonchelo) e Fernando Rodrigues (contrabaixo). A mezzosoprano brasileira Joana Thomé porá voz ao ciclo de poemas de Luz Pozo Garza. O concerto terá lugar ás 19,00 horas, con entrada de balde previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal.

Xacarandaina estrea en Santa Comba o espectáculo 'Endaterra'

Xénero: Folk | 18 / 7 / 2022

imaxe non dispoñible

Xacarandaina porá ata 80 artistas en escena para estrear este sábado, 23 de xullo, en Santa Comba a súa nova montaxe de música e baile 'Endaterra'. O espectáculo creado e dirixido polo coreógrafo Henrique Peón fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal) tradicional para poñer en valor a arte inmaterial da ruta xacobea que transcorre dende A Coruña até Santiago e a que leva até Fisterra e Muxía. O corpo de baile constitúese con trinta persoas de entre 17 e 35 anos que, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargarán da percusión de man. A peza tamén incluirá un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocarán pezas tradicionais de distintas épocas. O coro contará con 35 voces e o amplo despregue artístico completarase con Os do fondo da barra, grupo doce homes e un acordeonista que se encargarán de representar coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.

Xacarandaina leva o baile tradicional ás rutas de peregrinación con Endaterra

Xénero: Folk | 12 / 7 / 2022

imaxe non dispoñible

Un espectáculo que combina baile tradicional, danza, música de raíz, teatro, imaxes ilustradas, paisaxe sonora, deseño de luz e unha banda sonora exclusiva. Esta é a proposta de Endaterra, nova produción da agrupación tradicional Xacarandaina que se poderá ver en diferentes concellos polos que transcorre o Camiño Inglés a Santiago e mais a ruta Fisterra-Muxía.

<< Inicio / Anterior . 271 a 280 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR