Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / O DILUVIO das Tanxugueiras chega para mollarse

A SAíDA DO áLBUM COS TEMAS AVANZADOS E OUTROS NOVOS PECHA UNHA ETAPA DO TRíO CON INTENCIóN E SENTIDO

O DILUVIO das Tanxugueiras chega para mollarse

FUSIóN | xullo 29, 2022

capa_diluvio_tanxugueiras.jpg

Por moito que estiveramos máis que avisados, o DILUVIO das Tanxugueiras ven de caer e empapar todo. O feito de que xa coñecésemos previamente máis da metade da ducia de temas que conforman este terceiro álbum das cantareiras non lle resta forza ningunha ao disco nin a eses temas que como Terra, Figa, Midas ou Averno xa levan tempo presentes entre nós ou aos lanzamentos máis recentes de Seghadoras ou o máis inmediato lanzamento con videoclip, 'Fame de odio'. O disco das "Tanxus" consegue dar sentido a todo o feito, xuntalo e presentalo nunha narrativa sonora compacta e rica, amosando unha variedade de influencias e ferramentas sonoras de expresión contemporáneas manexadas sen complexos sobre unha sólida base tradicional.



Cunha breve introdución de 'Treboada' comeza este traballo, que remata cun tamén breve epílogo de 'Acougo'. Ademais destes, son catro (incluíndo ese recente 'Fame de odio') os temas novos que trae este DILUVIO (Calaverita records) e que xa poden escoitarse nos seus concertos en vivo tamén, todos eles composicións propias. O traballo de produción sonora de Iago Pico, que foi sinal de identidade desde os primeiros temas avanzados acompaña todo o traballo con achegas de sintetizadores e percusións electrónicas que poñen selo propio a esta etapa do trío. Errado sería desvencellar o resultado deste disco das experiencias recentes de Sabela, Aida e Olaia co seu paso polo Benidorm Fest. No comunicado que acompaña esta saída elas mesmas recoñecen que neste traballo esta "a resposta ao camiño percorrido nos últimos meses". O trío recoñece que con esta publicación péchase unha etapa, "unha viaxe de cuestionamento e autocoñecemento", aseguran. DILUVIO xa se pode adquirir desde hoxe en plataformas dixitais e tendas físicas, a súa saída só pode axudar a espallar aínda máis o traballo deste trío que está a rebentar marcas de público e enchendo espazos cos seus concertos por todo o país e no resto do Estado.

Non eran pecados, eran aprendizaxes
Este 'DILUVIO', cos seus temas recollidos permite ao público coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos que foron presentándose durante máis dun ano: os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de DILUVIO segundo elas mesmas indican: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais. As Tanxugueiras convidan ao público a fluír por unha corrente sonora que nace coa 'Treboada', o tema instrumental que abre o álbum. Unha choiva intensa que dá paso á primeira aprendizaxe capital: fronte a soberbia e o artificial, o trío chama á naturalidade. Diso fala 'Arica', o segundo tema. Do natural tamén nace a capacidade de coñecerse a unha mesma, de aceptar o que somos. E ese é o concepto de 'Desidia', que reivindica o dereito á pausa e a necesidade do autocoidado. A terceira aprendizaxe que proclama Tanxugueiras no seguinte corte é a xenerosidade: 'Midas', o primeiro sinxelo que o grupo lanzou de DILUVIO en febreiro de 2021, fala precisamente da avaricia. "E ti tes e tes, non o queres dar, pensas que o tes todo pero non tes nada", di o coñecido retrouso do tema, que marcou o punto de inflexión na carreira do trío. Tras el, chega 'Pano Corado', no que o grupo canta ao amor libre e diverso.



Na escoita DILUVIO flúe e leva ao público ata 'Sorora', un himno dedicado ao matriarcado, a todas as cantareiras e pandeireteiras, fronte ao pecado colectivo que, segundo o trío, leva demasiado tempo instalado na sociedade: o patriarcado. E de seguido, fronte á hostilidade, o disco lévanos a 'Seghadoras', un potente canto ao empoderamento, para crer e loitar polo propio. Desta visión chega a aceptación que avanza contra a ira: ese ´e o 'Averno' que interpretan co rapeiro Rayden. O disco complétase cunha tríade de grandes temas: 'Figa', un chamado contra a envexa e a favor da autoaceptación; 'Fame de Odio', que aposta pola diversidade e a beleza de todos os corpos, e 'Terra', a canción coa que as pandeireteiras conseguiron amosar que vivimos nun mundo heteroxéneo, repleto de particularidades e de esencias, no que "non hai fronteiras". Finalmente, Tanxugueiras pecha o álbum coa chegada do 'Acougo', o segundo e último tema instrumental do disco: a calma, a reflexión. É, como elas mesmas expoñen, "a fin do diluvio, da vida alterada. É o círculo que se pecha, o percorrido da vida".

datos do disco