Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Volven os solpores musicais na Cidade da Cultura

O CICLO ATARDECER NO GAIáS PROGRAMA DEZASEIS XORNADAS NA SúA XIIª EDICIóN

Volven os solpores musicais na Cidade da Cultura

MISCELáNEA | xuño 28, 2022

imaxe non dispoñible

Dezaseis solpores desde a Cidade da Cultura de Galicia terán a música en directo como fondo durante este verán. Unha nova edición de Atardecer no Gaiás comezará o xoves 7 de xullo e ata o 26 de agosto, cada xoves e venres durante os dous meses no enclave da capital galega. Dentro da programación desta décimo segunda edición do ciclo o público poderá gozar de balde de música con diversos estilos e procedente de distintas xeografías. Así, a oferta abrangue desde o pop á canción de autor e o flamenco, a electrónica, o folk experimental e ritmos urbanos que mesturan xéneros como a electrocumbia, trap ou hip hop. A Cidade da Cultura será un escaparate das tendencias musicais actuais, tanto de Galicia, na súa meirande parte, como do resto do territorio español e portugués. Os concertos recuperan o seu formato orixinal, tras os anos de pandemia, e serán de acceso libre, sen reserva previa.

O ciclo comezará coas actuacións de Los Jinetes del Trópico coa súa electrocumbia e Sila Lúa con ritmos urbanos xestados a cabalo entre Vigo, Londres e Madrid, ambos galegos, e continuará con propostas como a do andaluz Alfredo Tejada, a extremeña Ruiseñora ou a madrileña Lusillón. Nesta edición de Atardecer no Gaiás poderase escoitar o último de máis artistas de Galicia que están a revolucionar a forma de facer música desde o país, partindo de estilos tan diferentes como o hip hop, caso de Mundo Prestigio, a canción de autor, como é MJ Pérez, a delicada mestura de electrónica e canción tradicional de Néboa, a fusión de Techno e world music de Terrae ou a orixinal deconstrución e reinterpretación da música tradicional galega de Caldo, mellor proxecto de música folk nos Premios Martin Códax da Música 2020. A representación galega nos atardeceres complétase co funk e o soul de Carla Green & the Demons, o misterioso pop psicodélico de Basanta e os citados Sila Lúa e Los Jinetes del Trópico.

Grupos emerxentes e noveis de España e Portugal
Desde outras xeografías, subirán ao escenario da Cidade da Cultura artistas emerxentes do panorama nacional como Kimberley Tell, Lusillón, Ruiseñora ou Rocío Saiz, que comezan a facerse un oco nas salas e festivais de toda España, e tamén propostas para todos os públicos como La Banda de Sabina ou o cantaor flamenco Alfredo Tejada. Ademais, para apoiar os talentos musicais máis novos de Galicia e Portugal, Atardecer no Gaiás incluirá este ano na súa programación un concerto especial no que participarán dous grupos seleccionados do programa Xuventude Crea da Xunta, dirixido a mozos e mozas entre os 16 e os 30 anos de idade, e do certame XeneraSon Rock, no que participan bandas noveis das academias de música galegas e do país.