Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os Premios Martín Códax incorporan as categorías de Artista do ano e Artista Emerxente

OS NOVENOS GALARDóNS DA MúSICA GALEGA CELEBRARáN A SúA GALA O VINDEIRO 5 DE OUTUBRO

Os Premios Martín Códax incorporan as categorías de Artista do ano e Artista Emerxente

MISCELáNEA | xullo 4, 2022

imaxe non dispoñible

A Asociación Músicas ao Vivo bota a andar a novena xeira dos Premios Martín Códax. Os galardóns que recoñecen os mellores traballos sonoros de cada ano abren o prazo de inscrición de proxectos este 11 de xullo con vistas a realizar a súa gala de entrega o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Como novidades máis destacadas da nova edición, a organización adiantou a creación de dúas categorías especiais. O premio a Artista do Ano permitirá a participación do público cunha votación vía web entre os días 15 de setembro e 2 de outubro para escoller a proposta gañadora.

Na outra nova categoría, a de Artista Emerxente, será un xurado profesional quen realice a selección. Este galardón destinarase a proxectos que non leven máis de tres anos en activo, que teñan algún EP ou álbum editado e que non fosen premiados nin finalistas en anteriores xeiras dos galardóns.

A estes premios súmanse a dezaseis categorías musicais. Estas últimas serán unha menos que no último ano, ao se fusionar as propostas de "Músicas do Mundo" coas de "Reggae, Ska, Mestizaxe". A organización lembrou ademais que neste ano os premios voltan á normalidade coa entrega dos tres premios Organistrum habituais para medios de comunicación, salas e festivais, logo de que o ano pasado se concedesen de xeito extraordinario ás salas e festivais do país en homenaxe ao seu labor durante a pandemia. Mantense tamén o galardón honorífico a toda unha traxectoria.

A votación do xurado profesional, formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria respectivamente, canda a dúas persoas profesionais da música, será do 8 de agosto ao 3 de setembro. A esta elección previa seguirá a rolda de votación entre as propostas finalistas por parte dos membros de Músicas ao Vivo, que se desenvolverá entre o 15 de setembro e o 2 de outubro.