Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Zona da Zanfona recupera os cursos de formación na súa nova xeira

O ENCONTRO CELéBRASE EN RIANXO ENTRE OS DíAS 8 E 10 DESTE MES DE XULLO

A Zona da Zanfona recupera os cursos de formación na súa nova xeira

FOLK | xullo 7, 2022

imaxe non dispoñible

O festival Zona da Zanfona volta a Rianxo na súa décimo oitava edición. Canda aos habituais concertos de balde, a cita mantén a xuntanza de escolas de zanfona e recupera, logo de dous anos, os cursos de aprendizaxe. Entre os días 8 e 10 de xullo poderán verse na vila recitais do virtuoso italiano Francesco Giusta, do proxecto portugués de Pedro Viana e João Martins, e do espectáculo Arredor da roda do coro histórico Cántigas da Terra creado especialmente sobre este instrumento.

O concerto contará coa colaboración Iván Abal, Gutier Álvarez, Luís "O Caruncho", Miro Casabella e Óscar Fernández como convidados. O habitual palco aberto reunirá as escolas de zanfona do país. O programa acollerá ademais a estrea de Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella, un filme documental sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros do mesmo.

No campo dos cursos, o ZdC inclúe tres actividades formativas para diferentes niveis canda a unha nova dedicada á construción destes instrumentos e outra centrada no baile. Como é habitual a Central Folque, que organiza o evento, publica unha nova entrega do Cancioneiro ZdZ, publicación que pretende contribuír á xeración dun repertorio para este instrumento no país.

Como novidade desta xeira, o certame publicou unha colección de cinco vídeos con interpretacións musicais en lugares patrimoniais do concello, gravados co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo.