Ti estás aquí > Inicio / / A Xunta coloca en Vigo o Festival Latitudes
A Xunta coloca en Vigo o Festival Latitudes
xullo 1, 2022
A Xunta ven de presentar da man da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a primeira edición en Vigo do Festival Latitudes. Esta cita musical, a celebrar os días 19 e 20 de agosto no Peirao de transatlánticos, ofrecerá un cartel de artistas internacionais e galegos equiparable en calidade ao do festival O Son do Camiño, en Santiago. Xustamente foi na capital galega en 2016 onde se celebrou unha anterior edición deste Festival latitudes que agora se instala en Vigo. Para a organización do evento a Xunta contou coa produtora Esmerarte, unha das que xestiona O Son do Camiño e promotora tamén do Portamérica.
O festival forma parte da programación musical do Xacobeo 21-22 que en Vigo incluirá tamén os concertos de C. Tangana (23 de agosto) ou Muse (8 de setembro). Latitudes arriba á cidade olívica cun cartel que inclúe algúns dos principais referentes da música rock do panorama internacional. Empezando polos irlandeses Two Door Cinema Club, os suecos Mando Diao ou a banda británica The Vaccines, para chegar ata a lenda estadounidense do rock Iggy Pop. Os grupos galegos completan a oferta coa actuacións de varias bandas, algunhas da mesma cidade de Vigo. Entre os invitados a esta cita estará a banda viguesa Aphonnic, que tocarán o seu metal alternativo, os pontevedreses Furious Monkey House, o trío de blues cósmico, e tamén vigués Zålomon Grass, e o dúo grunge galego Bala. Os abonos sairán á venda en ataquilla.com hoxe venres 1 de xullo ás 12:00 con catro tramos de prezos diferentes, desde 35 a 50 euros.