O vigués Iago Galego debuta con Filloas
xuño 20, 2022
Filloas é o proxecto máis persoal do artista vigués Iago Galego Ferreiro que agora distribúe a plataforma A Regueifa 2.0. Iago Galego aposta pola música urbana pero non renuncia a engadir sonoridades de diversa orixe que van dende o synth-pop, o autotune, guitarreo eléctrico e sintetizadores, trap e Eurobeat. Once temas nun álbum de nome homónimo no que abundan as pezas para bailar. Todo isto sempre acompañado de letras persoais e profundas e nas que sempre hai un oco para a comedia. Filloas ofrécenos letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia"). Iago Galego busca un recuncho recoñecible de seu nesta escena musical actual desinhibida e sen complexos, facendo aumentar o rico panorama da música urbana en galego. Segundo A Regueifa 2.0 "se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas".