Noticias
Veteranos artistas da beira do Mississippi no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Xénero:
| 13 / 6 / 2018A vixésima sexta cita da cidade de Pontevedra co seu afamado festival Internacional de Jazz e Blues xa ten datase programa completo. Entre o luns 16 e o sábado 21 de xullo a nova edición deste evento encherá a capital provincial de música en diversos formatos. Ademais do jazz de rúa en movemento o programa ofrece seis concertos nas prazas e outras tantas jam sessións nocturnas. O Alfonso Calvo Septet, do contrabaixista compostelán Alfonso Calvo, será quen abra o programa o luns 16 na Praza do Teucro. O jazz galego de novo terá nutrida representación no cartel mentres que desde a beira do Mississippi, Memphis e Nova Orleáns, chegan á beira do Lérez dúas das propostas internacionais que suscitarán grande interese nesta edición. O peche corresponderá tamén a un combo internacional de músicos de jazz brasileño. Cada noite a sala A Gramola acollerá unha jam session a partir da medianoite.
As cantigas de Elena recupera as cancións dunha anciá de Toutón
Xénero:
| 13 / 6 / 2018María Vidal, Pichi Abollado e Pipo Alvariño asinan As cantigas de elena, un álbum que naceu coa intención de salvar do esquecemento o amplo repertorio que tiña na memoria Elena Alonso Pino, muller de Toutón e avoa de Alvariño. Co espírito de recrear as veladas familiares nas que se mesturaban voz, acordeón e guitarra, o trío gravou ao vivo dez temas en PKO Estudios (Boadilla del Monte) aos que se suman cinco gravacións orixinais de Elena, protagonista do álbum.
Pirilampo dálle voz aos animais no seu novo traballo
Xénero:
| 12 / 6 / 2018A procurar tirarlle a mala sona a animais como a píntega ou a serpe chega o novo traballo de Pirilampo. O grupo capitaneado por Xosé Lois Seixo está en xira de presentación de Serpe de cristal, un libro-CD publicado por Galaxia na colección Sonárbore. O golfiño, a abella, a serpe sapeira, a píntega, o tritón, o reiseñor, a bubela ou os peixes collen a palabre en once novos temas orixinais que se presentan con ilustracións de Federico Fernández. Colaboracións de Xurxo Souto, Andrea Seijo e Antía enriquecen este traballo que integra frautas, gaitas, acordeón, guitarras ou percusión.
Música e pratos achega a música galega á gastronomía
Xénero:
| 11 / 6 / 2018Un seminario de formación para hostaleiros pretende achegar a música galega á gastronomía do país. A sala compostelá Numax acolle ao longo da mañá de hoxe, 11 de xuñom, a xornada Música e pratos que, auspiciada por adegas Martín Códax pretende "debater cos hostaleiros as posibilidades que a música galega ten como valor diferencial da súa proposta gastronómica". O músico e escritor Xurxo Souto abordará na palestra Despensa Sonora a relación e as posibles interaccións entre a música galega e gastronomía. A avogada Ania González pola súa banda abordará a problemática da propiedade intelectual da música mentres Marcos Cerqueiro co-propietario do restaurante Abastos 2.0 falará de como integra música e luz na experiencia gastronómica do seu local.
O cartel do Festival Noroeste engade nomes e vai enchendo espazos
Xénero:
| 8 / 6 / 2018A 32ª edición do Festival Noroeste da Coruña xa leva moitos nomes apuntados para o seu cartel e segue avanzando na presenza feminina conseguindo destacar nese sentido entre o resto dos festivais do país. O máis recente do confirmado son once novas bandas e artistas que conformarán o cartel do Campo da Leña deste Festival Noroeste Estrella Galicia. Rock, trash, heavy psicodélico, garage, noise, punk, post punk , doom rock ou garage surf son tan só algúns dos sons de alta voltaxe que poderán escoitarse este 2018 neste espazo. Á artista xa confirmada Ana Curra, quen será a encargada de clausurar os concertos no Campo da Leña o xoves 9 de agosto, súmanse Aullido Atómico, Capsula, Dead Witches, Hexany, Honeymoon Disease, Kabbalah, Mueran Humanos, Oh!Mega, Playa Desmayo, The Devils e ZA!. Para outros dos espazos do festival a organización tamén fixo novas confirmacións artísticas. The Limboos porá o peche dourado á primeira xornada de concertos o martes 7 de agosto, ás 23.15h, na Praza de San Nicolás, mentres que Morgan, considerada como a mellor voz feminina do pop-rock español dos últimos anos, clausurará o Noroeste Estrella Galicia o domingo 12 de agosto no Parque do Paseo das Pontes. Ademais tamén se engaden ao cartel as actuacións de Laetitia Sadier, Nathy Peluso e Marem Ladson para o evento que terá lugar na Coruña do 7 ao 12 de agosto.
Grand Soul Band vira a un rock máis escuro no seu terceiro traballo discográfico
Xénero:
| 8 / 6 / 2018O pub Boulevard, en Fisterra, acolle esta noite o concerto de presentación do novo álbum de Grand Soul Band. A banda de Santa Comba dá un xiro cara ao grunge desde o seu rock de guitarras en From Here to Eternity, o seu terceiro traballo. Os estudios de Paco Loco no Porto de Santa María (Cádiz) acolleron a gravación dos dez temas do álbum, nos que a guitarra mantén o seu protagonismo e o conxunto crea atmósferas traballadas e máis escuras do que en traballos anteriores.
Comeza en Redondela o XII Festival Alternativo Millo Verde
Xénero:
| 7 / 6 / 2018Coas actuacións das bandas Cecina de León, Kings of the beach e Síndrome del Norte, comeza hoxe en Redondela o XIIº Festival Alternativo Millo Verde. Desde hoxe e durante tres días, ate o sábado, a Praia de Cesantes acollerá as constantes actividades paralelas así como os numerosos concertos, dezasete en total, deste evento organizado pola Asociación Cultural Millo Verde. Tamén hoxe tivo lugar a presentación da Festa da Carballeira de Zas, unha das citas estivais musicais máis lonxevas do país que organiza a A.C. Castro-Meda, que ven de presentar a que será a súas trixésima quinta edición a celebrarse, como sempre na primeira fin de semana de agosto na localidade coruñesa. No programa deste ano actuarán, xa sexa na sesión vermú, a partires das 14 horas, ou na sesión de noite a partires das nove, representantes da música folk galega así como doutros xéneros e tamén bandas internacionais os días 3 e 4 de agosto. A lista a conforman Pelepau, SES, Niamh Ní Charra, Fatty Farmers, Caxade, Os Farrapos, Cé Orquesta Pantasma, Foliada Tradicional, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Harmonica Creams, Mànran e Astarot.
Yago Vázquez e Felipe Villar collen a dirección do ImaxinaSons de Vigo
Xénero:
| 7 / 6 / 2018Con 22 días de antelación ao inicio programado, o 29 de xuño, comezan a saberse detalles importantes da que será a décima cuarta edición do Festival de Jazz de Vigo ImaxinaSons. Os músicos Yago Vázquez e Felipe Villar asumen a dirección do evento este ano en substitución da baterista Lucía Martínez, que levou esa responsabilidade durante os dous pasados anos de este evento organizado polo Concello vigués que segundo algunhas fontes ten un orzamento de 150.000 euros. A desvinculación desta música que substituía á súa vez ao pianista Nani García, e ausencia de noticias, ademais dalgunha información aparecida no perfil da rede social Facebook do evento, hoxe borrado, levou aos círculos de opinión e conversa do mundo do jazz a especular tanto coa desaparición do festival como con un cambio radical de modelo. Se desde a súa orixe o ImaxinaSons era un punto de encontro do jazz galego co que se estaba a facer por España e Europa, cualidade que o distinguía, algunhas fontes apuntaban agora a unha conversión que acollería jazz do outro lado do océano. Non hai aínda avances do programa que permitan asegurar ese xiro e único que ata de agora se coñece é a cancelación súbita dunha actuación xa concertada co baterista cubano Michael olivera e o seu grupo. Segundo o propio artista comunicou a través de Facebook, a súa actuación xa estaba pechada para o día 1 de xullo dentro do ImaxinaSons cando comezaron a xurdir problemas co número de músicos que debían acompañalo e despois o Concello cancelou completamente a súa actuación. O medio especializado El Club de Jazz, publicou un texto moi crítico coa situación do festival, ¿Réquiem por Imaxinasons? antes de coñecerse que serían estes dous músicos, Yago Vázquez e Felipe Villar, os que dirixirán esta 14ª edición. O contrabaixista Baldo Martínez, primeiro director artístico do festival, fíxose eco dese pasimista artigo no seu perfil de Facebook chegando a comentar que "Parece que desde Vigo se vuelven a cerrar las ventanas a Europa, cuando fue desde allí desde donde se abrieron". As circunstancias aumentan a expectación ante o programa que presentarán o pianista Yago Vázquez e Felipe Villar, e que segundo as datas oficiais se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 4 de xullo.
Nace o Festival Internacional de Jazz de Bueu
Xénero:
| 6 / 6 / 2018O Concello Pontevedrés de Bueu une o seu nome ao dos circuítos de jazz coa presentación do que será o seu primeiro festival internacional deste xénero. A Asociación de Jazz de Bueu corre coa coidada organización do I Festival de Jazz de Bueu que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila morracense. O evento consistirá en diversas actividades, cinco concertos, e dúas jam sessions con horarios que cubren as xornadas desde o mediodía ata a noite. A participación internacional será dun 11%, con músicos de tres nacionalidades, o baterista iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello. Outro 11% son de diferentes comunidades da Península, dando especial protagonismo aos músicos galegos, que suporán o 78% dos participantes do festival con nomes que será cabezas do cartel como o guitarrista Virxilio da Silva presentando JUZZ, o novo proxecto musical que lidera. O saxofonista gaditano Antonio Lzina e o seu grupo son outro dos nomes destacados do cartel.
Falece Benedicto, membro fundador de Voces Ceibes
Xénero:
| 4 / 6 / 2018Mestre, sindicalista pero por riba de todo coñecido como cantautor. Benedicto García Vilar, cofundador do movemento de cancións protesta Voces Ceibes en 1968, faleceu a pasada noite en Compostela aos 71 anos por mor da enfermidade dexenerativa que viña padecendo desde hai tempo. O seu labor a prol da cultura do país fora recoñecido nos últimos anos con concertos homenaxes como os que se lle tributaron en Compostela en 2014 e na Illa de Arousa, de onde era orixinario, en 2015. No seu haber, fitos como a gravación de diferentes discos, un longo traballo como sindicalista en Comisións Obreiras, grande cantidade de colaboracións en medios galegos como articulista ou o libro Sonata de amigos.