Ir ao contido directamente.


Noticias

A música inglesa protagonizará a nova temporada da Filharmonía de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia en Compostela acollía onte a presentación da nova temporada da Filharmonía de Galicia. Baixo o lema de Arquipélago de sons, os compositores ingleses protagonizarán os concertos de abono. Nomes como Ralph Vaughan Williams, Cecil Coles, Edward Elgar, William Walton, Frederick Delius, Malcolm Arnold ou Jonathan Rathbone, canda ás Sinfonías Londres de F. J. Haydn soarán nos 21 recitais de abono da orquestra. Canda a estes, a formación desenvolverá un total de 23 concertos en diferentes localidades galegas, con 10 actuacións en Vigo, 4 en Ferrol, 2 na Coruña, 2 en Ourense, 2 en Lugo e 1 en Pontevedra, así como un concerto en outubro no Auditorio Nacional de Música de Madrid.

La Casa de los Ingleses sacan brillo ao pop no seu primeiro LP

Xénero: Pop | 27 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

A banda pontevedresa La Casa de los Ingleses xa ten dispoñible á venda e en plataformas dixitais o que é o seu primeiro longa duración, La Tierra es plana (2018). O grupo autoedita o seu traballo que ven recoller a estela daquel primeiro EP de 2015 . Independentes na edición da súa música (apoiados por un crowfunding) e "indies" no son do seu pop, La casa de los Ingleses xa tivo ocasión estas pasada semana de presentar os seus novo temas en concertos "na casa". O festival Surfing the Lérez de Pontevedra e máis recentemente a festa de San Xoán no chiringuito Aguete en Marín, foron os lugares elixidos para amosar ao público os temas deste disco gravado nos Garate Studios en Andoain-Guipuzkoa e con produción de Juan Hernández. Oito temas de pop dinámico, guitarreiro, luminoso e vibrante, conforman este novo álbum do que se presenta como avance o tema Nunca lo veremos cun lucido vídeo clip de animación con ilustracións de Ana Seoane, realizado por ela mesma e Jose Aragunde. Cabe destacar na nosa perspectiva, o uso do galego para un dos temas: Nalgunha parte., unha peza de pop clásico moi ben desenvolvida con aires oitenteros. Tamén hai lugar no disco para as baladas como é o caso de Aguete 145 e Tan iguales. As principais bandas españolas de pop-rock indie aparecen entre as súas influenzas o que leva a considerar moi familiar o son que ofrece La casa de los Ingleses, pero é tanto nas súas narrativas letras como nas alternancias de protagonismo entre os instrumentos de Anxo, Carlos, Charly e Xavi onde os pontevedreses marcan as súas diferenzas propias así como no manexo vocal do propio Anxo.

Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'

Xénero: Jazz/Blues | 25 / 6 / 2018

pablocastano_quartet_alalaa.jpg

Músico de enorme experiencia e curtido ao longo de 20 discos nos que interveu na súa carreira, o saxofonista Pablo Castaño formou un cuarteto á volta da súa estadía neoiorquina de 6 anos. É con esta formación, Pablo Castaño Quartet, coa que saca o primeiro disco co seu nome á fronte. A-la-láa (aCentral Folque, 2018) foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova York polo produtor Kastuhko Naito. Castaño está acompañado na gravación de dous nomes relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova York, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco: Alalá do vento e Alalá da estrela e da Lúa. Dez temas conforman este traballo que desde o jazz aproxímase á música tradicional galega toma e como punto de partida os cantos libres como os alalás e as coplas. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart. O disco xa está dispoñible para a venda e en plataformas dixitais.

O 14º ImaxinaSons presenta programa con gran presenza de jazz americano e galego

Xénero: Jazz/Blues | 19 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

O Festival de Jazz de Vigo ImaxinaSons inicia a súa nova etapa baixo a dirección artística dos músicos Yago Vázquez e Felipe Villar e coa presentación onte a cargo do alcalde da cidade Abel Caballero manifestando o obxectivo de "fabricar" nunha década "un certame de ámbito europeo". Así o dixo na presentación da 14ª xeira desta iniciativa cultural que o Concello dota para esta edición con 150.000 euros. O festival, que nas anteriores etapas servía de xa de centro da difusión da creación jazzística europea contemporánea, ofrece este ano un programa máis achegado á fonte americana do jazz. Formacións galegas como Manolo Gutiérrez Trío, The Alley Stompers ou Comando Radar comparten un importante cartel de actuación coas propostas de reputados artistas estadounidenses como o Kenny Garrett Quintet, Charenée Wade, Glenn Zaleski Trío, Kurt Rosenwinkel Caipi Band ou o espectáculo Equality de Drewes, Lee & Hirshfield no peche desta edición. O Concerto de Apertura o próximo venres, 29 de xuño, no Auditorio Municipal vén da man do británico Soweto Kinch en trío, saxofonista, MC e compositor multipremiado que se especializa nun estilo de marca rexistrada de jazz, rap e spoken word, a diferenza de calquera outro intérprete no mundo. O 14 ImaxinaSons contará con 19 formacións e solistas internacionais, nacionais e galegos Os espazos nos que se vai desenvolver esta edición, que tamén ten un importante número de jam sessións, son o Auditorio Municipal de Vigo, A Casa das Artes, o Conservatorio Superior de Música ou lugares ao aire como a rúa Londres ou a Praza da Princesa.

Pauliña preséntase no panorama musical con De-Xeneración

Xénero: Pop | 18 / 6 / 2018

de_xeneracion_paulinha.jpg

Desde Cambados chega Paula Chave, Pauliña a engrosar a listaxe de músicas que traballan na nosa lingua. Os oito temas de De-Xeneración son a carta de presentación desta artista que mestura country, folk, blues, pop e soul en galego. Cancións que apostan pola enerxía e a reivindicación e que ven a luz da man de Xoinx Records. Gravado nos estudios desta firma en Bandeira, o tema de presentación, Non é ficción contou coas colaboracións de Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros. Lolo Arinción, Francisco Montoto, Julián Gullón e Iago Jorge compoñen a banda que acompaña a Pauliña neste primeiro lanzamento.

A Sinfónica de Galicia aposta por Shostakóvich para a súa nova temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

A música rusa, e en particular Shostakóvich centrarán a programación da Orquestra Sinfónica de Galicia para a temporada 2018/2019. A formación presentaba onte a súa programación, na que inclúe cinco sinfonías deste compositor (nº 1, 6, 7, 11 y 12), canda a obras de Rachmáninov (Sinfonía nº 2, Conceerto para piano nº 3 e A illa dos mortos), Chaikovski, Lyadov, Stravinski e Gubaidulina. No programa inclúense tres estreas mundiais e dúas estreas en España ata un total de veinte novos títulos que se incorporarán ao repertorio da formación.

Luís Fercán presenta en Compostela o seu álbum debut

Xénero: Cantautor | 15 / 6 / 2018

grieta_luis_fercan.jpg

O Salón Teatro de Santiago colle esta noite o concerto de presentación en Galicia de Grieta, o álbum de debut de Luís Fercán en solitario. O compostelán, que iniciou a súa carreira en Persé, comeza con este lanzamento un proxecto como cantautor no que mestura letras poéticas con sons elaborados e toques indies e pop. Un total de dez temas publicados por EO!Música poderán escoitarse hoxe a partir das 21 horas nun recitais nos que o cantante estará acompañado por toda a súa banda.

Nicolás Pastoriza ofrece valor musical engadido co disco 'PyME'

Xénero: Pop | 14 / 6 / 2018

Pastoriza_PyME.jpg

O músico vigués Nicolás Pastoriza volve á carga con PyME, un novo traballo autoeditado que presenta este sábado en concerto no Museo do Mar e que sae á venda en formato de dobre vinilo con edición limitada. O novo disco, que aparece coa fasquía dunha declaración de I.V.E. como portada, ábrese co tema Ovnis entre Cíes y Nigrán no que o músico fai homenaxe á temática da ciencia ficción que xa ten explotado en outros traballos anteriores e mesmo na súa época á fronte do grupo Ectoplasma, na mesma liña tamén está no álbum o tema Poltergeist. Para Ovnis entre Cíes y Nigrán, primeira mostra escoitable do disco, Pastoriza conta coa colaboración nas voces de Iván Ferreiro, quen foi produtor do disco Poetas & Motocicletas (autoeditado) que Nicolás Pastoriza presentou en 2013. Os dezaseis temas de PyME son da autoría do músico vigués e graváronse no seu estudio doméstico, mentres que a mestura e masterización levouse a cabo nos Estereoarte estudios da cidade olívica. Ao longo deste traballo, o quinto da súa carreira en solitario, o vigués ofrece un pop elegante e traballado, tanto nas letras como nas melodías, que fuxe de simplismos sen rexeitar a sinxeleza necesaria do xénero pero presentando un resultado sofisticado e algo melancólico ás máis das veces. A presentación está prevista ás 20:30 horas e contará tamén coa colaboración de Brais Iriarte, Sergio Martínez Puga e Marcos Rivera no directo.

Dez festivais de verán entran na posta en marcha da marca Fest Galicia

Xénero: Miscelánea | 14 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

A nova marca Fest Galicia impulsada pola Axencia Galega de Industrias Culturais ven de presentarse xa cos eventos que se sumaron a estar baixo este paraugas tras da convocatoria pública deste ano que rematou o pasado 8 de xuño. Aos oito festivais musicais (SinSal Son, Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17ºRibeira Sacra, SonRías Baixas, Festival de La Luz, WOS festival e Revenidas) que forman parte da Asociación Empresarial Festivais de Galicia presentado o pasado 21 de súmanse neste Fest Galicia o Resurrection Fest e o Portamérica, grandes ausentes na dita asociación. Con este acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, no que estiveron presentes entre outros o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez e representantes dos eventos implicados nesta primeira fase de lanzamento, dáse o inicio á actividade amparada tras esta marca e que inclúe varias liñas de acción da administración autonómica e coordinación coas organización dos festivais adheridos. A perspectiva da administración autonómica con Fest Galicia é transversal e de colaboración entre varios departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Especialmente importante é a colaboración con Igualdade para a campaña AgresiónOFF pensada para que nos grandes eventos, festas, festivais non se perda o respecto entre as persoas e que se eviten e preveñan os abusos e agresións machistas físicas ou verbais. O acto de presentación contou tamén coa actuación de MJ Pérez, unha das novas voces da música galega.

Veteranos artistas da beira do Mississippi no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

A vixésima sexta cita da cidade de Pontevedra co seu afamado festival Internacional de Jazz e Blues xa ten datase programa completo. Entre o luns 16 e o sábado 21 de xullo a nova edición deste evento encherá a capital provincial de música en diversos formatos. Ademais do jazz de rúa en movemento o programa ofrece seis concertos nas prazas e outras tantas jam sessións nocturnas. O Alfonso Calvo Septet, do contrabaixista compostelán Alfonso Calvo, será quen abra o programa o luns 16 na Praza do Teucro. O jazz galego de novo terá nutrida representación no cartel mentres que desde a beira do Mississippi, Memphis e Nova Orleáns, chegan á beira do Lérez dúas das propostas internacionais que suscitarán grande interese nesta edición. O peche corresponderá tamén a un combo internacional de músicos de jazz brasileño. Cada noite a sala A Gramola acollerá unha jam session a partir da medianoite.

<< Inicio / Anterior . 1071 a 1080 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR