Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'
Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'
xuño 25, 2018
Músico de enorme experiencia e curtido ao longo de 20 discos nos que interveu na súa carreira, o saxofonista Pablo Castaño formou un cuarteto á volta da súa estadía neoiorquina de 6 anos. É con esta formación, Pablo Castaño Quartet, coa que saca o primeiro disco co seu nome á fronte. A-la-láa (aCentral Folque, 2018) foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova York polo produtor Kastuhko Naito. Castaño está acompañado na gravación de dous nomes relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova York, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco: Alalá do vento e Alalá da estrela e da Lúa. Dez temas conforman este traballo que desde o jazz aproxímase á música tradicional galega toma e como punto de partida os cantos libres como os alalás e as coplas. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart. O disco xa está dispoñible para a venda e en plataformas dixitais.
Tamén che pode interesar:
- 3/ 11/ 2021 | Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival
- 5/ 6/ 2014 | Imaxinasons leva 13 formacións a Vigo no seu décimo aniversario
- 27/ 5/ 2013 | Primeiro disco de Rafa Fernández Quinteto
- 1/ 2/ 2012 | Santiago inaugura un ciclo musical coa presenza de destacados músicos de Jazz
- 13/ 5/ 2009 | Primeiro disco do Xacobe Martínez Antelo Trío xa á venda