Nicolás Pastoriza ofrece valor musical engadido co disco 'PyME'
xuño 14, 2018
O músico vigués Nicolás Pastoriza volve á carga con PyME, un novo traballo autoeditado que presenta este sábado en concerto no Museo do Mar e que sae á venda en formato de dobre vinilo con edición limitada. O novo disco, que aparece coa fasquía dunha declaración de I.V.E. como portada, ábrese co tema Ovnis entre Cíes y Nigrán no que o músico fai homenaxe á temática da ciencia ficción que xa ten explotado en outros traballos anteriores e mesmo na súa época á fronte do grupo Ectoplasma, na mesma liña tamén está no álbum o tema Poltergeist. Para Ovnis entre Cíes y Nigrán, primeira mostra escoitable do disco, Pastoriza conta coa colaboración nas voces de Iván Ferreiro, quen foi produtor do disco Poetas & Motocicletas (autoeditado) que Nicolás Pastoriza presentou en 2013. Os dezaseis temas de PyME son da autoría do músico vigués e graváronse no seu estudio doméstico, mentres que a mestura e masterización levouse a cabo nos Estereoarte estudios da cidade olívica. Ao longo deste traballo, o quinto da súa carreira en solitario, o vigués ofrece un pop elegante e traballado, tanto nas letras como nas melodías, que fuxe de simplismos sen rexeitar a sinxeleza necesaria do xénero pero presentando un resultado sofisticado e algo melancólico ás máis das veces. A presentación está prevista ás 20:30 horas e contará tamén coa colaboración de Brais Iriarte, Sergio Martínez Puga e Marcos Rivera no directo.