Falece Benedicto, membro fundador de Voces Ceibes
xuño 4, 2018
Mestre, sindicalista pero por riba de todo coñecido como cantautor. Benedicto García Vilar, cofundador do movemento de cancións protesta Voces Ceibes en 1968, faleceu a pasada noite en Compostela aos 71 anos por mor da enfermidade dexenerativa que viña padecendo desde hai tempo. O seu labor a prol da cultura do país fora recoñecido nos últimos anos con concertos homenaxes como os que se lle tributaron en Compostela en 2014 e na Illa de Arousa, de onde era orixinario, en 2015. No seu haber, fitos como a gravación de diferentes discos, un longo traballo como sindicalista en Comisións Obreiras, grande cantidade de colaboracións en medios galegos como articulista ou o libro Sonata de amigos.