Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Yago Vázquez e Felipe Villar collen a dirección do ImaxinaSons de Vigo

A 14ª EDICIóN COMEZARá O VINDEIRO 29 E HAI DúBIDAS SOBRE QUE SIGA A FILOSOFíA DAS ANTERIORES

Yago Vázquez e Felipe Villar collen a dirección do ImaxinaSons de Vigo

JAZZ/BLUES | xuño 7, 2018

imaxe non dispoñible

Con 22 días de antelación ao inicio programado, o 29 de xuño, comezan a saberse detalles importantes da que será a décima cuarta edición do Festival de Jazz de Vigo ImaxinaSons. Os músicos Yago Vázquez e Felipe Villar asumen a dirección do evento este ano en substitución da baterista Lucía Martínez, que levou esa responsabilidade durante os dous pasados anos de este evento organizado polo Concello vigués que segundo algunhas fontes ten un orzamento de 150.000 euros. A desvinculación desta música que substituía á súa vez ao pianista Nani García, e ausencia de noticias, ademais dalgunha información aparecida no perfil da rede social Facebook do evento, hoxe borrado, levou aos círculos de opinión e conversa do mundo do jazz a especular tanto coa desaparición do festival como con un cambio radical de modelo. Se desde a súa orixe o ImaxinaSons era un punto de encontro do jazz galego co que se estaba a facer por España e Europa, cualidade que o distinguía, algunhas fontes apuntaban agora a unha conversión que acollería jazz do outro lado do océano. Non hai aínda avances do programa que permitan asegurar ese xiro e único que ata de agora se coñece é a cancelación súbita dunha actuación xa concertada co baterista cubano Michael olivera e o seu grupo. Segundo o propio artista comunicou a través de Facebook, a súa actuación xa estaba pechada para o día 1 de xullo dentro do ImaxinaSons cando comezaron a xurdir problemas co número de músicos que debían acompañalo e despois o Concello cancelou completamente a súa actuación. O medio especializado El Club de Jazz, publicou un texto moi crítico coa situación do festival, ¿Réquiem por Imaxinasons? antes de coñecerse que serían estes dous músicos, Yago Vázquez e Felipe Villar, os que dirixirán esta 14ª edición. O contrabaixista Baldo Martínez, primeiro director artístico do festival, fíxose eco dese pasimista artigo no seu perfil de Facebook chegando a comentar que "Parece que desde Vigo se vuelven a cerrar las ventanas a Europa, cuando fue desde allí desde donde se abrieron". As circunstancias aumentan a expectación ante o programa que presentarán o pianista Yago Vázquez e Felipe Villar, e que segundo as datas oficiais se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 4 de xullo.