Ir ao contido directamente.


Noticias

Tanxugueiras comeza a xira de presentación do seu primeiro disco

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2018

tanxugueiras_capa.jpg

A Sala Capitol de Santiago acollía onte, tres de xuño, o concerto de presentación de Tanxugueiras, o disco de debut do trío homónimo. Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro metéronse no estudio de gravación logo de dous anos de traballo nos que se deron a coñecer a través das redes e coas súas colaboracións con músicos como Xabier Díaz ou A banda das Crechas. Agora, presentan da man de Inquedanzas Sonoras unha selección de doce temas nos que a percusión e a voz collen todo o protagonismo, con arranxos coidados que conectan a tradición con sons de alén do Atlántico.

A familia das excelencias

Xénero: Miscelánea | 1 / 6 / 2018

imaxe non dispoñible

Mateo, María e Martín poderían ser tres nomes comúns dun grupo de amigos calquera, ou de tres irmáns tal vez. Cando falamos da cultura galega e dos sectores profesionais nos que esta se desenvolve os tres nomes xa toman outro cariz e son, efectivamente irmáns nunha familia cultural na que tamén hai un importante sitio para o Libro de familia. Catro sectores profesionais -o audiovisual (Premios Mestre Mateo), o teatro (Premios María Casares), a música (Premios Martín Códax) e a literatura (Premios Gala do Libro)- reparten cada ano distincións para recoñecer de entre todas as producións, traballos e achegas aquelas que concitan unha admiración máis ampla en base a múltiples criterios, case tantos como votantes as elixen. Son nomes que despois se usan como reclamo en carteis de cine e teatro, en lapelas de libros e discos. Co mes de maio rematado xa están todos estes recoñecementos repartidos no que ten que ver coa produción cultural de 2017, a última foi a Gala do Libro que ven de celebrarse o pasado día 19 de maio. Agora xa toca mirar para adiante e empezar a preparar os seguintes mentres as persoas encargadas da parte creativa van presentando e preparando creacións neste 2018 que tal vez reciban un destes galardóns en 2019. No outro lado, as entidades organizadoras e convocantes, tamén fan reflexión sobre a situación que teñen os premios que representan á cultura galega profesional

Nastasia Zürcher volta con premio para Galicia do festival Liet Internacional

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival Liet International 2018, que se desenvolveu na cidade holandesa de Leewarden o pasado 23 de maio, acabou con recoñecementos para Galicia. Esta competición musical para bandas e solistas que traballan en linguas minorizadas de europa contou nesta décimo segunda xeira coa presenza de dúas formacións galegas, a banda Familia Caamagno e mais a solista Nastasia Zürcher. Foi esta última a que conseguiu o recoñecemento no evento, quedando segunda na clasificación xeral, na que se viu superada pola banda córnica The Rowan Tree. Ademais, a cantante galega trouxo para a casa o premio dos músicos, que outorgan os propios participantes no evento. Zürcher contou co seu produtor Adrián Saavedra ao piano para interpretar o seu tema Espertos no festival.

Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

Xénero: Indie | 28 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

O Festival V de Valarés de Ponteceso desaparece antes de celebrar a súa duodécima edición. A noticia xa era de agardar ante o feito de que a falta de case dous meses e medio das súas datas habituais non se tivese noticia del, pero agora José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal impulsora do evento, confirmou a este medio que este ano non se celebrará o festival e que non hai previsión de retomalo nun futuro próximo ante unha "presión total e asfixiante" e unha situación que producía "un sen fin de problemas e de trabas continuamente". O evento, que reunía tres mil persoas no entorno natural da Praia de Balarés deixa de organizarse ante a presión que supón para a modesta organización afrontar as continuas denuncias e reclamacións que lles chegaban por diversas frontes, case todas focalizadas no uso do espazo que se estaba a facer e que viñan tanto de Medio Ambiente coma de Portos de Galicia polo uso do peirao. Colectivos como Salvemos Cabana presentaran xa hai anos unha queixa ante Medio Ambiente contra a celebración deste festival de música en plena zona protexida da Rede Natura. Anteriormente xa houbera outras queixas sobre este mesmo asunto que levaron a facer perigar algunhas das edicións do festival, pero en todos os casos a organización conseguiu os necesarios permisos para a celebración. A falta da profesionalización precisa para encargarse dun evento destas características tamén se sumou a todos eses inconvintes levando á Fundación Eduardo Pondal a deixar de lado o festival sen data de recuperación no horizonte.

Oito propostas para avanzar en igualdade no documento 'Cara ás lentes violetas na música'

Xénero: Miscelánea | 28 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

Oito propostas e a revelación da necesidade de promover estudos da situación centran o redactado final do documento Cara ás lentes violetas na música cuxo resumo foi presentado inicialmente o 19 de maio de 2018 no Teatro Colón da Coruña, no marco da xornada "Mulleres e Música", promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa "A cultura é un dereito". Neste manifesto-informe asinado polas asociacións MIM (Mujeres en la Industria Musical) e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural(AGPXC) preséntase unha síntese do informe realizado por Belén Bermejo, xurista e xestora cultural. O obxectivo é facer chegar este documento a ás institucións publicas e a todos os axentes que operan na música en Galicia: empresas, management, artistas, asociacións gremiais ou empresariais.

Os músicos de Compostela claman por normas que permitan concertos en bares e pubs

Xénero: Miscelánea | 25 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

Cando falta pouco máis dun mes para a entrada en vigor da Lei de Espectáculos de Galicia, en Santiago, a sección local da asociación de Músicos ao Vivo (MAV), está a librar unha batalla que aspira tamén a ter repercusión noutras localidades. O colectivo profesional, que agrupa a case que 200 formacións na capital, ten todas as actuacións canceladas desde o pasado abril en cafeterías, pubs e outros locais de hostalaría que non teñen licenza expresa como sala de concertos. A ausencia dun convenio co Concello que protexa estes eventos ante calquera denuncia por ruídos ou molestias fixo parar e mesmo anular concertos programados. Xunta e Concello culpáronse mutuamente desta situación colocando no contrario as responsabilidades dos permisos, cabe recordar que a Rede galega de Musica ao Vivo impulsada pola Axencia Galega de Industrias Culturais apoia espectáculos en numeroso locais sen licenza como sala de concertos. A asociación levou a cabo accións públicas de protesta e emitiu un comunicado no que solicitaban da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago o desbloqueo da situación de indefinición legal que crea a nova normativa para a música ao vivo e que por exemplo, fai acorde á normativa municipal un concerto na rúa na terraza dun local, pero ilegal que en caso de choiva o mesmo concerto pase ao interior e deba usar amplificación pola normativa autonómica. Representantes da sección Compostela de MAV e da hostalaría local reuníronse onte coa concelleira de Cultura, Branca Novoneyra para tentar chegar a un acordo. Segundo recolle o xornal La Voz de Galicia os músicos fían a boa resolución deste proceso ás alegacións que o Concello de Santiago pretende presentar ao novo catálogo de actividades hostaleiras no que pedirán que se cree a categoría de bar musical. Desde a sección Compostela de MAV fan un chamamento ao resto de Concellos de Galicia para que impulsen medidas que permitan a mobilidade e homoxeneidade legal á hora de desenvolver o seu traballo dentro do territorio.

A Orquestra Sinfónica de Galicia entra no catálogo de BIS Records

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 5 / 2018

estravinsky_bris_OSG.jpg

A prestixiosa discográfica sueca BIS Records, especializada en música clásica, acaba de incorporar o traballo da Orquestra Sinfónica de Galicia ao seu catálogo. O álbum Stravinsky - Music for Violin, Vol.2 recolle a orquestra a acompañar o violinista Ilya Gringolts baixo dirección de Dima Slobodeniouk no Concerto para violín e orquestra. Ademais, inclúe pezas como a Variación de Apolo, Tango, Elexía, Balada, Suite Italiana e Divertimento. Tamén se pode escoitar a Pastoral do mesmo autor, na que participan como solistas membros da OSG como Casey Hill (oboe), Scott MacLeod (corno inglés), Juan Ferrer (clarinete) y Steve Harriswangler (fagot). A gravación realizárona técnicos da compañía sueca no Palacio da Ópera da Coruña en abril de 2017.

A VI edición do ciclo Do Audible achegará concertos a catro vilas

Xénero: Miscelánea | 22 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

A igrexa de San Domingos de Tui acolle este 25 de xuño a primeira sesión do ciclo Do Audible. Kontakte de Karlheinz Stockhausen abre a sexta xeira deste programa que coordina o colectivo Vertixe Sonora da man da Consellaría de Educación. Ata o vindeiro 10 de novembro, outros tres recitais achegarán propostas musicais contemporáneas a Ourense, A Coruña e Lugo. Na Cidade das Burgas o 14 de xuño a antiga capela do campus universitario de Ourense albergará o recital de, Natascha Gangl, canda ao dúo electroacústico Rdeča Raketa. O 23 de Outubro será no paraninfo da Universidade da Coruña, onde se celebra a actuación do Manifesto Gutai mentres o Vello Cárcere de Lugo será o escenario, o 10 de novembro, de Koan, con Elliot Simpson.

Xardín Desordenado musica a María Victoria Moreno

Xénero: Miscelánea | 22 / 5 / 2018

victoria_da_luz_xardin_desordenado.jpg

Oito textos de María Victoria Moreno compoñen Victoria da luz, o disco que Xardín Desordenado lle dedica a autora homenaxeada no Día das Letras. Temas como Eu quixera, Díptico gramatical, Duns folios que foron brancos, Único amor ou Camiñantes cobran nova vida neste proxecto. O grupo está en plena xira de presentación do álbum, que sae baixo o selo Sul Produciones.

A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu quinto disco 'Beiralúa'

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2018

beiralua_sondeseu.jpg

Este vindeiro sábado o Auditorio Municipal de Cangas acollerá o concerto de presentación de Beiralúa quinto disco da orquestra folk SondeSeu. En Beiralúa(Fundación Sondeseu) sobresaíntes compositores e músicos galegos, xunto con voces representativas do panorama actual se xuntan aos mestres e compoñentes da orquestra para danzar baixo a luz da lúa unha coreografía simbólica de unión en torno a un proxecto que os trouxo dende as ondas daquel inicial Mar de Vigo (Fol Música, 2003) ata o máis recente Danzas brancas (Do Fol, 2013. Deste xeito entres os dezaoito temas que ofrece este novo traballo hai pezas encargadas pola orquestra a prestixiosos compositores como Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Pedro Lamas entreveranse con cancións presentes xa no imaxinario colectivo, clásicos como Ahi ven o Maio ou Campanas de Bastabales, interpretadas por grandes voces como Rosa Cedrón ou o Orfeón Treixadura e a colaboración de Susana Seivane, rematando cunha composición de Anxo Pintos para a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade dedicada á Illa de San Martiño que pon de manifesto as enormes posibilidades tímbricas da formación viguesa creada hai dezasete anos no seo da actual Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a ETRAD, e está consolidada xa como a gran Orquestra Folk de Galicia. A seguinte presentación en directo tras cangas será en Santiago de Compostela o vindeiro 22 de xuño.

<< Inicio / Anterior . 1091 a 1100 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR