Noticias
Grelo de Ouro para Luz Casal dos Amigos de Galicia
Xénero:
| 15 / 5 / 2018A cantante Luz Casal foi elixida pola Fundación Amigos de Galicia para outorgarlle este ano o seu maior recoñecemento, o Grelo de Ouro, un premio convocado anualmente pola entidade que se institúe para nomear a aquelas personalidades ou entidades que contribúen ao engrandecemento de Galicia. O Xurado desta XXXIª edición do premio destacou nela a promoción e difusión que está facendo de Galicia, a súa solidariedade a través da organización do Festival da Luz, a súa traxectoria profesional a nivel nacional e internacional, e o exemplo de superación que supuxo para a sociedade na loita contra o cancro. En palabras do seu ditame o xurado premiou este ano á cantante galega "pola súa perseveranza e determinación na súa carreira profesional e persoal salientando a defensa e o bo nome dos intereses de Galicia".
O "...mañá..." máis maduro de Carmen Rey
Xénero:
| 14 / 5 / 2018A cantora coruñesa Carmen Rey , que foi finalista este ano ao premio Martín Códax de Blues, funk e soul, está xa a presentar o seu novo disco, …mañá… (Autoeditado), un traballo que se fixo agardar oito anos despois da publicación do seu anterior disco, Meu(Audia records, 2009) precedido por Fuera(2004). Carmen ofrece neste álbum oito temas orixinais de soul e funk cantados en galego con elegantes arranxos e que nalgúns caso xogan coa improvisación jazzística e mesmo algún arranxo jazz sobre unha peza tradicional como en Porqué non hei. A cantante e compositora considera que este traballo pode diferenciarse dos seus anteriores nunha madurez propia que amosa, "considero que madurei a nivel harmónico sobre todo e melódico e iso nótase moito a diferencia dos discos anteriores", asegura Rey, que opina que o son desta xeira musical resulta "máis complexa e máis rica" que nos discos anteriores. Nestes oito anos entre discos Carmen Rey sempre estivo en actividade e crecemento profesional, compaxinando o seu proxecto persoal co traballo á fronte doutros proxectos como o de ser directora e arranxista do coro feminino de música moderna Sisters in the House (finalista dos premios Martín Códax) e do cuarteto vocal Ejazz (gañadoras do Martín Códax, 2017 na categoría de coros e música vocal). O disco gravouse nos estudios Disquesí da Coruña cun grupo composto por Sergio Delgado, aos teclados, Rubén Appratto no baixo, a guitarra de Tito Calviño e Miguel Cabana na batería. Para o directo presenta tamén un formato en acústico, piano e voz, acompañada aos coros de Angeles Dorrio e Sara Lorenzo.
Lucía Pérez sopra soles polos seus quince anos de carreira con 'Quince soles'
Xénero:
| 11 / 5 / 2018Lucía Pérez presenta hoxe o seu novo disco coincidindo en vésperas coa celebración do festival Eurovisión no que ela participou en 2011. A artista do Incio saca hoxe o seu sétimo traballo Quince soles (Autoeditado) un traballo con quince temas para celebrar quince anos no mundo da música no que estes "soles" tomán o relevo das tradicionais candeas de aniversario. Pérez tira de axenda neste disco e conta con numerosas e importantes colaboracións para desenvolver este álbum no que todas as cancións cántanse en galego, incluso a as que comparte con artistas non galegos como Chenoa ou Chema Purón. Tonhito de Poi, Susana Seivane, Emilio Rúa, Rosa Cedrón, Sito Sedes, Xabier Díaz e Vizcaíno súmanse a esta celebración musical poñendo tamén as súas voces en diferentes temas. O repertorio tradicional, arranxado, ten un importante peso pero tamén hai composicións de Purón, Tonhito de Poi, Uxía Senlle ou, como no caso de Moraima, interpretada con Sito Sedes, é un tema composto por Jesús Vaamonde e Miguel Ángel Campos sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro. Estes Quince soles, que tamén presentan unha rica variedade tonal, configuran una celebración moi especial da artista na que como sempre achega unha visión positiva e amorosa cara á súa terra e orixes e ademais amosando a súa calidade artística e sensibilidade. O lanzamento hoxe do disco acompáñase da presentación do primeiro videoclip e sinxelo Tocando enfrente. O disco xa está en plataformas como Spotify.
Os V Premios Martín Códax repártense entre o máis destacado da escena musical
Xénero:
| 10 / 5 / 2018Un ano máis completouse o aforo do Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar a quinta cerimonia de entrega dos Premios Martín Códax da Música. A gala destes galardóns impulsados pola Asociación de Músicos ao Vivo (MAV), co patrocinio das Bodegas Martín Códax, demostrou con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega; o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da nosa produción musical, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector. Durante a gala oficiouse o relevo na directiva da MAV co discurso de despedida do xa ex-voceiro, Ramón Bermejo, e o de entrada da nova voceira, Sonia Lebedinsky, acompañada do resto dos membros da xunta entrante.
Luar na Lubre presenta o seu novo disco 'Ribeira Sacra'
Xénero:
| 9 / 5 / 2018Luar na Lubre presentou o seu novo traballo musical como a "banda sonora" da Ribeira Sacra, unha produción na que colabora a Deputación de Ourense e que foi gravada o outono pasado no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), conxugando natureza, tradición e etnografía, e incorporando por primeira vez nunha composición musical o idioma do afiador, o barallete.
Roberto Sobrado Grupo sacan 'Proletarios do Rock and Roll'
Xénero:
| 7 / 5 / 2018O veterano músico Roberto Sobrado ven de presentar o seu novo traballo discográfico acompañado do seu grupo. Proletarios do Rock and Roll (Autoeditado) é un traballo de obreiros de base roqueira. Un disco con sete temas propios e novos e máis cinco versións no que se deixa sentir o imaxinario desta banda encabezada por Sobrado, un músico con más de vinte anos sobre o escenario e con cinco discos previos editados. Agora nun grupo, cunha banda renovada na sección rítmica e onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, xunto a Germán da Ponte (saxo), Euxenio (batería) e Nuno Pico (baixo), volven á estrada e ao minimalismo do rock de furgoneta e sesión de ensaio nos garaxes para crear este son máis roqueiro, con calado social. O disco xestouse ao longo de meses en sesións de gravación na Sala Moon, no local de ensaio e en Bungalow estudios. O investimento económico para sácalo baseouse nun método de apoio popular con prerreserva do CD.
O festival Noroeste da Coruña xa ten datas e primeiras confirmacións
Xénero:
| 4 / 5 / 2018A Coruña xa ten previsión de datas e primeiras confirmacións para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o gran festival urbano promovido desde o Concello celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas de todos os estilos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- que de novo se distribuirán por espazos e escenarios de toda a cidade herculina. Os primeiros nomes do cartel fan unha aposta en feminino representada por catro xeracións de mulleres: Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Ana Curra (Madrid, 1958) foi unha das artistas de referencia da Movida madrileña. Formou parte de Pegamoides, Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos. No outro extremo de idade Mordem é o nome escollido pola coruñesa Elba Fernández para bautizar o seu novo proxecto que agora presentará na súa cidade. Agárdanse moitas máis confirmación ata acadar esas cen previstas dentro do programa dun festival de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas.
Música para María Victoria Moreno
Xénero:
| 4 / 5 / 2018A Illa de Arousa acolle este 5 de maio a estrea de Ao latexo das letras, a homenaxe poético-musical a María Victoria Moreno que parte de Óscar Ibáñez. O gaiteira e mais a súa banda Tribo colaboran coa poeta Tamara Andrés nun espectáculo no que os sons tradicionais se mesturan co recitado de textos da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. A xira continuará o vindeiro día 13 por Melide, o 16 na Estrada, o día 18 poderá verse en Lisboa e o 19 en Ponte da Lima. A xira conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Basanta comparte rituais atávicos en 'Colorama'
Xénero:
| 2 / 5 / 2018Na tradición hindú o Basanta Panchami é un día de celebración que marca a fin do inverno e celebra o aniversario da deusa Saraswati, nai da sabedoría, a fala e a música. En feliz coincidencia tamén é o apelido do músico Roy Basanta, ex-vocalista dos desaparecidos The Blows, e foi a palabra elixida para dar nome a un novo e singular proxecto de banda que agora ven de sacar ao mercado o seu primeiro disco longo. Basanta, o grupo, xa ten dispoñible o seu álbum Colorama (C4Music, 2018). Once temas máis un conforman este traballo presentado recentemente en concerto no eido do festival vigués Super Bock Under Fest e que xa está dispoñible en vinilo e nas plataformas dixitais.
Anxo Moure e Servando Barreiro cantan a cultura fluvial en 'A música da Auga'
Xénero:
| 30 / 4 / 2018A través da editorial de Contos Solidarios 2Teixos, o contacontos Anxo Moure, xunto con Servando Barreiro, presentan o libro-cd A Música da auga. Un volume que serve para a recuperación da cultura tradicional xurdidas das beiras fluviais e dos cauces e fontes. Contos que se cantan e cantares que se contan arredor do propio ciclo natural da auga e das súas mitoloxías nestes 11 cortes do disco-libro de Barreiro e Moure para o que contaron coa colaboración de músicos como Rubén Pastoriza ou Marce Villaverde. O libro disco está ilustrado con acuarelas do propio Servando Barreiro e como proxecto comezou a xestarse fai quince anos nunha actividade da asociación Barcas do Minho chamada Embarcaescola coa que se foi visitando todos os centros escolares dos concellos galegos da beira do Miño divulgando o patrimonio cultural e ambiental do río. O libro-disco comeza cunha cantiga do espertar da auga no pedregal de Irimia e a través dos seus temas coñeceremos as figuras das xacias (mulleres peixe), barqueiros, cesteiros, etc. Contos da chuvia e das fontes que divulgan a riqueza dos ecosistemas fluviais e marítimos e propoñen hábitos para o seu coidado. A Música da Auga se está a presentar nestes dias en centros educativos e festivais de música como o "Plis plas" que se celebrará o 12 e 13 de maio na cidade de Vigo.