Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Oito propostas para avanzar en igualdade no documento 'Cara ás lentes violetas na música'
Oito propostas para avanzar en igualdade no documento 'Cara ás lentes violetas na música'
maio 28, 2018
Oito propostas e a revelación da necesidade de promover estudos da situación centran o redactado final do documento Cara ás lentes violetas na música cuxo resumo foi presentado inicialmente o 19 de maio de 2018 no Teatro Colón da Coruña, no marco da xornada "Mulleres e Música", promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa "A cultura é un dereito". Neste manifesto-informe asinado polas asociacións MIM (Mujeres en la Industria Musical) e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural(AGPXC) preséntase unha síntese do informe realizado por Belén Bermejo, xurista e xestora cultural. O obxectivo é facer chegar este documento a ás institucións publicas e a todos os axentes que operan na música en Galicia: empresas, management, artistas, asociacións gremiais ou empresariais.
As entidades asinantes entenden, segundo a proposta, que as dinámicas sociais non van camiñar cara á igualdade de xeito natural e orgánico, sen a intervención de políticas públicas que establezan accións positivas encamiñadas a reverter unha situación e promover novos marcos e modelos. A xornalista Arancha Estévez, coordinadora canda a produtora Rosa Salgado da xornada, aproveitaron a oportunidade do encontro promovido por Deputación da Coruña para deixar producido este elemento de base como ferramenta de traballo, froito da cooperación entre as dúas asociacións que partindo do contexto e dos poucos datos que se posúen desde esta perspectiva de igualdade das mulleres na profesión musical propuxese unha serie de medidas/iniciativas dirixidas especialmente ás institucións responsables das políticas públicas "entendendo que son estes espazos os que deben promover pasos cara un cambio de modelo", asegura Arancha Estévez.
Segundo se afirma neste documento, a ausencia de datos e estudos sobre a igualdade da muller no mundo da música é enorme e se precisa promovelos para abordar temas como a distribución laboral por tareas e postos neste eido, os niveis e formatos de discriminación existentes, a transmisión e perpetuación de estereotipos sexistas no sector da música (artistas, entidades e empresas, festivais, ciclos,etc), nos seus contidos, linguaxe ou imaxe.
Baixa representación nos carteis dos festivais
Do que si se dispón nos últimos anos, e o escrito así o reflexa, é de análises centrados nas programacións artísticas, especialmente festivais, e na representación das mulleres nas mesmas. No caso dos festivais pop en 2017, a porcentaxe sería dun 11,9% no territorio español. Nunha análise levada a cabo expresamente sobre as últimas edicións de 11 festivais galegos, de música popular e clásica, e o resultado foi dun 13,4% de presenza feminina nestas ofertas en Galicia, moi lonxe aínda dunha situación de igualdade. Estévez pon aquí un exemplo claro da necesidade desas liñas de acción das políticas públicas: "todos os festivais preséntanse ás axudas públicas e até o momento non se lles requiría ningún criterio de igualdade. É dicir, hai axudas supeditadas ao uso do galego, á contratación de bandas de Galicia, etc... Pero a ningún promotor (case todos son homes) se lle pide para darlle diñeiro público que no seu equipo de traballo haxa paridade ou que no seu cartel a presenza das mulleres non quede reducida á mínima expresión", asegura a xornalista a este medio. Aínda así a promotora do texto non quere colocar a perspectiva de xénero nunha cuestión baseada nas porcentaxes e lembra que desde a súa proposta "traballar con perspectiva de xénero non é só contratar mulleres até o 40% "legal", é moito máis que iso e afecta a un modelo de traballo e a un modelo social que ten que mudar (desde os horarios dos eventos até a seguridade nos mesmos, etc )."
Oito propostas
Das oito propostas que se inclúen neste Cara ás lentes violetas na música, catro deles son propostas de incentivos e cláusulas positivas a programacións e proxectos que se presenten á recibir axudas públicas ou apoios financeiros de calquera tipo das arcas públicas sempre e cando incorporen a perspectiva de igualdade de xéneros de diferentes xeitos e a diverso niveis, desde o laboral ao artístico e en máis situacións como a seguridade. Outras dúas desta lista de ideas van dirixidas á promoción estudos e informes que recollan a situación real actual das mulleres na música en Galicia e á solicitude de promover formación específica para mulleres que axuden a inserilas naquelas áreas de traballo do mundo da música onde haxa actualmente menor presenza feminina. O documento esixe tamén a paridade nas comisións, xurados ou tribunais designados para a valoración das axudas públicas e apoios aos proxectos vencellados á escena musical. Tal vez a máis polémica destas ideas, entre outros motivos pola súa complexidade de toma de decisións e valoración en tempos nos que a defensa da liberdade de expresión está na primeira liña do debate fronte a múltiples ataques, sexa aquela na que o informe propón a introdución de cláusulas nas convocatorias que tendan á eliminación da presenza nas programacións financiadas ou contratadas polas administracións, de formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten. Os asinantes defenden esta valoración cualitativa das actividades artísticas ao considerar que do mesmo xeito que se trata de premiar os esforzos a prol da visibilización das mulleres, cren necesario asegurar o diñeiro público non vaia parar a "manifestacións musicais que contribúan á desigualdade, sexismo, marxinación, ou violencia contra as mulleres", segundo reza nesta proposta.
O documento, que xa dispón dunha versión definitiva e conformada (adxunta a este texto) buscará agora chegar a todos os ámbitos de decisión públicos e privados que teñen relación coa industria musical galega e ser tomado en consideración por todos os axentes do sector á hora de establecer as políticas públicas e a acción privada en orde a avanzar cara unha industria musical igualitaria e con perspectiva de diversidade de xéneros.