Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

AS PRESIóNS MEDIOAMBIENTAIS E OUTRAS TRABAS SEPULTAN O EVENTO QUE CELEBRARíA ESTE ANO A SúA XIIª EDICIóN

Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

INDIE | maio 28, 2018

imaxe non dispoñible

O Festival V de Valarés de Ponteceso desaparece antes de celebrar a súa duodécima edición. A noticia xa era de agardar ante o feito de que a falta de case dous meses e medio das súas datas habituais non se tivese noticia del, pero agora José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal impulsora do evento, confirmou a este medio que este ano non se celebrará o festival e que non hai previsión de retomalo nun futuro próximo ante unha "presión total e asfixiante" e unha situación que producía "un sen fin de problemas e de trabas continuamente". O evento, que reunía tres mil persoas no entorno natural da Praia de Balarés deixa de organizarse ante a presión que supón para a modesta organización afrontar as continuas denuncias e reclamacións que lles chegaban por diversas frontes, case todas focalizadas no uso do espazo que se estaba a facer e que viñan tanto de Medio Ambiente coma de Portos de Galicia polo uso do peirao. Colectivos como Salvemos Cabana presentaran xa hai anos unha queixa ante Medio Ambiente contra a celebración deste festival de música en plena zona protexida da Rede Natura. Anteriormente xa houbera outras queixas sobre este mesmo asunto que levaron a facer perigar algunhas das edicións do festival, pero en todos os casos a organización conseguiu os necesarios permisos para a celebración. A falta da profesionalización precisa para encargarse dun evento destas características tamén se sumou a todos eses inconvintes levando á Fundación Eduardo Pondal a deixar de lado o festival sen data de recuperación no horizonte.

A desaparición do Festival V de Valarés supón a desactivación dunha marca que despois de once anos xa conseguira darse a coñecer no complicado mundo destas celebracións musicais mesmo con candidaturas aos premios Fest nacionais. Algunhas das súas últimas edicións conseguiron repercusión en publicacións e medios de todo o Estado, en parte grazas ao atractivo do seu ambicioso cartel, que presentou primeiras figuras do panorama “indie” español, e tamén nomes atractivos da escena internacional, en parte grazas a ese entorno tan afortunado que supón a praia de Balarés en Ponteceso. Un dos lemas famosos de promoción que manexaba esta cita era "Virás pola Música, volverás polo lugar", e á mensaxe non lle faltaba razón, segundo as críticas da prensa. O evento comezou a partir da reivindicación que un colectivo Con V de Valarés (hoxe desaparecido) , apoiado desde a Fundación Eduardo Pondal, facía sobre o cambio na toponimia oficial do lugar. Segundo eles, e así llo fixeron chegar oficialmente á Comisión de Toponimia da Xunta, Balarés debía escribirse con V xa que así aparecía, por exemplo, nun contrato de compra e venda do século XIII. Con esa motivación reivindicativa local comezou unha festa que despois derivou en festival doadamente, grazas ao dinamismo e voluntariedade do colectivo e ao efecto chamada dese entorno natural. "Nun principio comezou case como un xogo -lembra Varela- pero foi aumentando e aumentando". Pero as voces contrarias a este usos do espazo natural e que clamaban pola súa protección non tardaron en facerse escoitar nin rebaixaron nunca as súas esixencias malia que o evento ía conseguindo cada ano os permisos necesarios. Ademais de ter protestas no sector medioambiental o festival mesmo tivo que facer cambios no seu cartel en 2016 ante acusacións de sexismo pola ilustración elixida e que foi denunciada ante o Valedor do Pobo pola asociación Petón do Lobo.

Trato discriminatorio ante outros festivais
A pesares dun esforzo da organización por facer sostible a realización do evento no espazo natural e de que, segundo Varela "hai outros festivais realizándose na Rede Natura pero aquí era montar a primeira táboa e xa tiñas ás patrullas de medio Ambiente encima", di e opina que "non nos parecía que houbese o mesmo trato que con outros festivais". Para os colectivos ambientalistas o festival debía ser sacado deste espazo xa que estaba afectando á Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte e a Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) Costa da Morte e constitúe unha área de protección e territorio con de alto valor de conservación. O xerente da Fundación Eduardo Pondal xa non vé motivación para seguir con este esforzo de sacar adiante o festival con tanto en contra e mesmo cos seus patrimonios en xogo ante posibles sancións: "Algo masoquistas si que fomos pero non tanto como para xogarnos o noso pecunio particular". Non dubida en sinalar que os afectados non son só eles xa que a desaparición do festival supón "unha perda", opina, "isto creaba unha grandísima vida en toda a zona, unha vida económica tremenda, viña cantidade de xente e que disfrutaba" e a segura que "dous días despois aquelo estaba completamente limpo e a xente era tremendamente respectuosa", di Varela no que ten que ver coa sostibilidade ambiental da celebración. "Nós eramos os máis interesados en que fose así- asegura o representante da Fundación Eduardo Pondal-, nós queríamos que fose un festival limpo e que non houbese problemas como non os houbo nunca". Para el tamén houbo unha carencia en algunhas institucións á hora de apoiar o V de Valarés, un abandono para unha organización pequena de voluntarios que resultou fatal e que cre que non se daba noutros eventos destas características: "Se se compara con outros festivais o apoio dos concellos é total, o apoio das deputacións é total, o apoio da Xunta é moi grande...", di, no seu caso asegura que había algunha institución que "non estivo á altura", asegura. Varela non quere en calquera caso perder de todo a esperanza de que a marca traballada polo festival nesta década pasada non poida volver a rexurdir aínda que para iso deberían darse múltiples circunstancias que o fixeran favorable: "Eu non digo que algún día non se vaia celebrar de novo pero terán que cambiar moitísimas cousas". Non semella moi probable volver ver a "V" xigante presidir a praía de Balarés nun futuro próximo que quedará baixo todas as medidas de protección previstas para a rede Natura.