Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Pesar polo pasamento de Moncho Díaz
Xénero:
| 20 / 2 / 2023Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.
O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
Xénero:
| 9 / 1 / 2023O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.
Morre o Mestre gaiteiro 'Bartolo'
Xénero:
| 9 / 12 / 2022Manuel Miramontes Fandiño, era coñecido en Santiago co alcume de 'Bartolo', e como Mestre Bartolo axudou durante décadas a centos de rapaces a coñecer e amar a gaita galega e a música tradicional. Este xoves, con 88 anos faleceu e rematou con el unha traxectoria de ensino que tamén incluía a fabricación artesanal dos instrumentos.
Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC
Xénero:
| 29 / 11 / 2022"A foliada é a manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas. Caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben".
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Xénero:
| 18 / 11 / 2022O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.
Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'
Xénero:
| 15 / 11 / 2022Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.
Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre
Xénero:
| 10 / 11 / 2022O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".
A música tradicional chora o pasamento de Antón Cabaleiro
Xénero:
| 31 / 10 / 2022A música tradicional galega magóase estes días pola perda de Antón Cabaleiro Millares, actualmente membro da emblemática formación Treixadura. Cabaleiro, natural de Vigo, falecía o pasado sábado aos 71 anos de idade e desde as redes sociais de Treixadura despedían con fondo sentimento ao seu barítono: "Seguimos o noso camiño longo e ti seguirás nel por sempre, coa túa pandeireta, co teu canto amable, coa túa tenrura e gratitude e sorrindo para todos nós." Ademais de en Treixadura, Antón cabaleiro expresou o seu amor pola cultura tradicional galega tamén como profesor de danza e percusión tradicionais, foi un dos membros fundadores do grupo A Roda a finais dos anos 70 e estivo noutras formación similares como Petapouco e Castaña antes de entrar na que sería a súa "familia musical" dos pasados anos, o grupo Treixadura. A formación, que está a celebrar o seu trinta aniversario, ten na súa axenda unha próxima actuación na Coruña, no marco das Festas do barrio de Monte Alto o vindeiro 12 de novembro. Na súa despedida a Cabaleiro Treixadura avanzan xa a que será a súa homenaxe en forma de música: "Con 'Vento das Cíes' e 'Froles Mareliñas' choramos a túa ausencia e honraremos a túa memoria coa nosa música".
A Coruña acollerá unha nova edición de WOMEX en 2023
Xénero:
| 18 / 10 / 2022A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou onte no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade. Será a terceira ocasión na que este encontro -que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais- teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.
Unha webserie explora o folclore no Camiño de Inverno
Xénero:
| 11 / 10 / 2022Ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 Javier Blanco Carballal acaba de presentar a webserie A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno. O proxecto, que se pode ver no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística repasa en oito capítulos a saúde da cultura e do folclore nas diferentes etapas desta ruta xacobea.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos