Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O festival O que non se escribe volta a Compostela os días 9 e 10 de xuño
Xénero:
| 5 / 6 / 2023Santiago de Compostela acolle entre os vindeiros 9 e 10 de xuño a terceira xeira do festival O que non se escribe. Este encontro sobre "arquivos sonoros e creación contemporánea" continúa a explorar as novas propostas arredor da música tradicional, coa presentación do novo disco de Caldo na sesión inaugural e concertos dos murcianos Maestro Espada e dos asturianos L-R o día 10, como algunhas das citas máis destacadas.
Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient
Xénero:
| 23 / 5 / 2023A 52ª edición do Festival Interceltique de Lorient, unha cita de referencia no mundo da música folk dos países celtas e punto de encontro das culturas, contará un ano máis coa presenza das sonoridades galegas en distintas formas. Nesta ocasión a cita está dedicada á música irlandesa, pero desde Galicia se desprazarán á localidade bretoa sete propostas da nosa música para levar a cabo varios espectáculos dentro da programación que se desenvolverá entre o 4 e o 13 de agosto.
Tanxugueiras volven triunfar nos Premios MIN
Xénero:
| 22 / 5 / 2023A gala do XV Aniversario dos Premios MIN en Palma de Mallorca, que reuniu e premiou aos artistas máis destacados da escena independente de España no último ano trouxo un recoñecemento ao traballo realizado o pasado ano polo trío Tanxugueiras. As cantareiras, finalistas en sete categorías, conseguiron gañar dous importantes premios: "Mellor álbum de música de raíz" e "Mellor álbum en galego" por "Diluvio", o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records. Este dobre recoñecemento para Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio "Artista Revelación Alternativa 2023" dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema "Aire", producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras. Non é primeira vez que o trío sae galardoado destes premios, xa co seu primeiro disco, "Tanxugueiras" (2018) acadaron o de Mellor Álbum en lingua galega e o pasado 2022 recibiron o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España.
O segundo álbum de Caldo xurde da intimidade do fogar
Xénero:
| 12 / 5 / 2023'Lugar A Ponte' é o nome do segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita). O novo traballo discográfico do grupo, que sae hoxe en plataformas, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. O proxecto de Caldo foi premiado co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e resultou gañador do concurso Fran Pérez 'Narf' da Deputación da Coruña (2020).
Budiño navega libre e ben acompañado en "Branca Vela"
Xénero:
| 5 / 5 / 2023Houbo que agardar ao oitavo disco de Xosé Manuel Budiño, "Fulgor" (2019) para escoitalo cantar coa súa voz ademais de escoitar a súa gaita, e o de Moaña xa non está disposto calar, ao contrario querer cantar máis. Budiño ven de lanzar o pasado día 28 de abril o seu novo traballo longo, "Branca vela" (Arredor edicións, 2023) un disco con dez cancións incluíndo a que lle dá nome que xa foi presentada como un dos adiantos e mostra do que se ía atopar no álbum, unha sorte de importantes colaboracións chea de cores sonoras sen complexos, incluíndo bases electrónicas, recursos de produción e, como sempre, a raíz tradicional e a gaita. Todos os temas son de composición do de Moaña, que abre o traballo cun dedicado á súa orixe local, Donón. O músico contou para este disco coas achegas de Leilía (no tema Branca Vela) pero tamén están aí Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas, Antía Otero ou o coro Aires da Terra. Con eses vimbios Budiño xa ten o disco en todas as plataformas dixitais e está a presentalo en concertos, os seguintes en Tomiño (13 de maio),Redondela (14 de maio) e Sanxenxo (24 de xullo).
As Tanxugueiras reciben o Premio Odeón da AGEDI
Xénero:
| 27 / 4 / 2023Apenas uns días despois de coñecer como o trío Tanxugueiras amosaban unha importante presenza entre os finalistas as Premios MIN, as galegas engaden un novo recoñecemento ao seu gran ano 2022 coa súa designación como gañadoras do galardón a Artista Revelación Alternativo de 2022, na cuarta edición dos Premios Odeón. Estes galardóns outorgados desde a Asociación de Gestión de Derechos Intelectuales (AGEDI) premian en 24 categorías a música gravada o pasado ano, co cal o premio ás Tanxugueiras chega polo seu álbum "Diluvio" (Calaverita records). As galegas xa recibiron a escultura que se outorga co premio e que amosaron en redes sociais. O vindeiro 17 de maio coñeceranse os premios Min, nos que son finalistas en sete categorías.
Baleira homenaxea a Florencio O Cego dos Vilares
Xénero:
| 12 / 4 / 2023A coincidir cos 109 anos do seu nacemento, este 12 de abril Baleira lembra a Florencio López Fernández O Cego dos Vilares. Unha placa sobre a súa tumba no cemiterio da aldea da Fontaneira lembrará a quen "foi transmisor oral da nosa cultura e lingua, nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira".
Boroa presenta un traballo de experimentación arredor da gaita
Xénero:
| 27 / 3 / 2023Boroa é un grupo de Ribeira (A Coruña) conformado por Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo) que veñen de presentar o seu primeiro traballo longo autoeditado "O´Clásico Fol". O disco de 9 cortes amosa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. Boroa crea un mundo sonoro coa gaita como protagonista alén de fronteiras para achegarnos harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime… etc. Composicións propias de Olivares e Bello conforman o disco, presentado este mesmo mes.
Chega a Santiago a mostra "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia"
Xénero:
| 13 / 3 / 2023Unha intervención musical de homenaxe a Moncho Díaz engadirase este martes, 14 de marzo, ao acto inaugural de presentación da exposición "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia", que se presenta en Santiago de Compostela tras do seu paso por Lugo. O pequeno concerto, a celebrar no Auditorio Abanca da capital galega na rúa do Preguntoiro, servirá tamén para que os membros da semicentenaria formación executen ante público a canción "Eu en ti", creada como homenaxe ao moi recentemente falecido Díaz, que foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979. A canción, presentada pouco despois da morte de Díaz o pasado 17 de febreiro, pon música a un poema de Celso Emilio Ferreiro a través de una composición de Xoán Luís Fuertes Saavedra.
Leilía fecha máis de tres décadas de actividade coa xira Vidas Cantadas
Xénero:
| 8 / 3 / 2023Durante a súa actuación na Feira do Queixo de Arzúa, o pasado 4 de marzo, o grupo Leilía facía o anuncio desde o escenario. A súa actual xira, Vidas Cantadas será a última que realicen como grupo. Logo de 34 anos de existencia, o recoñecido conxunto de pandeireteiras pon punto e final á súa actividade, segundo confirmou a axencia Culturactiva.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos