Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O festival O que non se escribe volta a Compostela os días 9 e 10 de xuño
O festival O que non se escribe volta a Compostela os días 9 e 10 de xuño
xuño 5, 2023
Santiago de Compostela acolle entre os vindeiros 9 e 10 de xuño a terceira xeira do festival O que non se escribe. Este encontro sobre "arquivos sonoros e creación contemporánea" continúa a explorar as novas propostas arredor da música tradicional, coa presentación do novo disco de Caldo na sesión inaugural e concertos dos murcianos Maestro Espada e dos asturianos L-R o día 10, como algunhas das citas máis destacadas.
Canda a estas propostas, as xornadas promoven por vez primeira unha residencia de creación colectiva. Na mesma as artistas Alberto Cernadas (crnds), Antía Vázquez, Tania Vázquez e Gabi Reboredo "reinterpretarán o repertorio do arquivo que se foi recuperando e gardando durante as edicións anteriores", un traballo en proceso que terá unha primeira mostra pública durante o festival.
Os roteiros sonoros por diferentes espazos da cidade fan parte tamén desta proposta. Así no Parque de Vista Alegre combinaranse as explicacións botánicas con pezas sonoras vencelladas ás distintas especies vexetais do lugar. De xeito similar, na Casa Europa Antía Vázquez interpretará temas sobre diferentes espazos domésticos. O proxecto Cantometrics, pola súa banda, reinterpretará pezas recollidas polo etnomusicólogo Alan Lomax nos anos 50.
Noutro ámbito, a antropóloga Beatriz Busto achegará nocións sobre os diferentes arquivos de música de tradición que existen e como se pode optimizar o seu uso. Finalmente, o encontro "Un novo mapa" amosará as experiencias de Abe Rábade, De Ninghures, Mondra e Moura nas súas reinterpretacións da música tradicional.