Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient
Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient
maio 23, 2023
A 52ª edición do Festival Interceltique de Lorient, unha cita de referencia no mundo da música folk dos países celtas e punto de encontro das culturas, contará un ano máis coa presenza das sonoridades galegas en distintas formas. Nesta ocasión a cita está dedicada á música irlandesa, pero desde Galicia se desprazarán á localidade bretoa sete propostas da nosa música para levar a cabo varios espectáculos dentro da programación que se desenvolverá entre o 4 e o 13 de agosto.
Como xa é tradición deste encontro, serán varias as agrupacións de música tradicional galega, vencelladas a asociacións e escolas, que actúen en Lorient, levando incluso espectáculos de baile galego. Será o caso da Banda de Gaitas Sementeira, de Cambre, a Banda de gaitas Queiroa, da asociación do mesmo nome de Sada ou do Grupo de Baile A Ponte Vella, da asociación centro cultural do mesmo nome en Teo. Ademais diso, a Bretaña acudirán tamén grupos e artistas individuais que fan achegamentos diferentes á nosa música tradicional. Será o caso de Icía Varela, pandeireteira e cantareira que vai en solitario a formar parte do espectáculo Celtic Odyssée #2, ou do gaiteiro Ismael García que acudirá para dar unha "master class" do seu instrumento. Tamén estarán alí o cuarteto Ailá, un proxecto sobre música de transmisión oral, e o grupo Xascariz, que achega as súas composicións propias. O program co0mpleto do festival xa estás dispoñible.
Tamén che pode interesar:
- 10/ 4/ 2024 | Embaixada da musica galega en Lorient
- 1/ 8/ 2022 | Unha ampla delegación galega visitará o Festival Intercéltico de Lorient
- 6/ 8/ 2008 | Pablo Devigo consegue o trofeo McCrimmon do Festival de Lorient
- 26/ 5/ 2006 | Hoxe comeza en Vigo o festival Sinsal e en Vilagarcía o do Norte, mentres Carlos Núñez e Susana Seivane confirman que irán ao de Lorient
- 28/ 6/ 2005 | Grupos galegos de folk súmanse ao Manifesto a prol da música de raíz da SGAE