Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Baleira homenaxea a Florencio O Cego dos Vilares

UNHA PLACA LEMBRARá O úLTIMO DOS CANTORES CEGOS NO CEMITERIO DA LOCALIDADE

Baleira homenaxea a Florencio O Cego dos Vilares

FOLK | abril 12, 2023

imaxe non dispoñible

A coincidir cos 109 anos do seu nacemento, este 12 de abril Baleira lembra a Florencio López Fernández O Cego dos Vilares. Unha placa sobre a súa tumba no cemiterio da aldea da Fontaneira lembrará a quen "foi transmisor oral da nosa cultura e lingua, nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira".

A iniciativa, que partiu da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, contou coa colaboración do colectivo Egeria, do diario El Progreso e mais da Xunta de Galicia e do concello. Ata o momento a tumba do músico non contaba con lápida que o identificase. A conmemoración coincide ademais coa véspera dos 37 anos do falecemento de quen foi o último representante da tradición de cantores cegos no noso país.

O acto de homenaxe contará coa actuación musical do colectivo Toxo Queimado, de Baleira, e mais de Baldomero Iglesias Mero e de Miro Casabella, que interpretarán o canto de cego Parrafeo de Rosiña do Estanqueiro, habitual no repertorio de Florencio.