Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire

A SALA CAPITOL ACOLLE O DíA 22 O CONCERTO DE PRESENTACIóN DO SEGUNDO TRABALLO DO DúO

Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire

FOLK | outubro 20, 2023

quitar_o_aire_caamanho_ameixeiras.jpg

Logo do éxito do seu álbum de debut Aire, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras lanzan este 20 de outubro o seu segundo traballo. Quitar o aire, publicado por Raso Estudios, amosa unha exploración de novas sonoridades por parte do grupo en nove temas como A pequena morte, Entrudio, O corpo aberto ou Mortalla morte, mortalla de amor.

A proposta amplía o repertorio de Caamaño&Ameixeiras e suma, da man da produción de Hevi, propostas máis rítmicas, aires balcánicos, cortes de gravacións recollidas nas aldeas e sons mais disonantes a rachar a proposta do anterior traballo do dúo.

Os cantares máis tradicionais collen o protagonismo na nova produción, que se presenta como un disco conceptual "inspirado na ritoloxía popular galega. Un universo fascinante onde realidade, maxia e relixión conflúen para procurar respostas, para sandar e para celebrar a vida. Un mundo que sitúa no centro á tribo, á comunidade, entendida como unha rede de axuda para salvarse as unhas ás outras".

Segundo sinala a presentación do proxecto "o dúo íspese emocional e musicalmente para conectarse coas súas raíces e mergúllase neste imaxinario, que tamén é o seu, para visitar e recrear algúns dos seus lugares máis fermosos e suxerentes. Dende a intimidade e a tristeza do loito á exaltación e celebración pola cura da enfermidade. Dende a ilusión excitada dos filtros de amor ata a escuridade poderosa dos exorcismos". Para a produción, o dúo contou co asesoramento do antropólogo Rafa Quintía.

A Sala Capitol acolle este 22 de outubro o concerto de presentación, que o dúo adianta será un "espectáculo único con temas inéditos, colaboracións especiais, danza, escenografía e iluminación deseñada para a ocasión".






datos do disco