Ti estás aquí > Inicio / DISCO / A Quenlla presenta un novo disco que recupera ao poeta Avelino Díaz
A Quenlla presenta un novo disco que recupera ao poeta Avelino Díaz
novembro 9, 2023
A histórica formación A Quenlla ven de presentar un novo traballo discográfico cando están a piques de facer o seu corenta aniversario. O disco 'Na lírica emoción' está dedicado de xeito íntegro ao poeta Avelino Díaz Díaz, ofrecendo nel doce cantigas "cunha sonoridade que bebe da tradición e que percorre diversos estilos para achegarse ao folk de raíz", segundo explica o grupo. O disco está dispoñible en formato físico de CD baixo pedido a través das redes sociais de A Quenlla.
Avelino Díaz (Riotorto, 1897 - Bos Aires 1971) foi un emigrante e exiliado político en Bos Aires, claramente posicionado contra a ditadura franquista. Marchou por necesidade económica e soubo formarse, deixando unha obra inmensa que merece ser estimada e estudada entre a que hai un total de 1.178 poemas dos que se teña referencia, segundo informa A Quenlla, que indica a existencia de polo menos 6 poemarios, deixados dispostos en cartafoles que permanecen inéditos. O 31 de xaneiro de 2014 foi refundada a Asociación Cultural Avelino Díaz, con sede en Meira pero na que se integran case corenta entidades de toda índole das comarcas da propia Meira e da Terra de Miranda O seu obxectivo: promover a investigación e a divulgación da súa vida e da súa obra. Desde os seus inicios apareceu nos relatorios de posibles iniciativas a idea de publicar un disco con cancións creadas a partir da poesía de Avelino. No camiño, grupos musicais diversos compuxeron temas con poemas coñecidos do autor: a Banda de Música Municipal de Meira, a Coral de Riotorto, o grupo de pandeireteiras Nove Ferreñas, o coro da escola de música Pena Gallada, The Tripa Street Band, Voladura, Tango en Xaneiro, o dúo formado por Enma Blanco e Brais Fontán... Todo empezara en 1977, non obstante, co "Meniño labrego" de Xerardo Moscoso, un poema incluído no disco 'Acción Galega', unhas das iconas da Nova canción galega e hoxe péchase ese círculo con este traballo 'Na lírica emoción' presentado por A Quenlla que mantén viva a memoria de Avelino Díaz e a súa vixencia con este proxecto longamente madurado que vén representar algo así como unha pousa na carreira de fondo para recuperar plenamente a Avelino.
Tamén che pode interesar:
- 7/ 10/ 2015 | Sae á venda The Tambourine Man de Xabier Díaz
- 27/ 3/ 2014 | A Quenlla volta con 26 novas cancións
- 9/ 12/ 2013 | Pablo Díaz chama a porta con Toc Toc
- 14/ 5/ 2013 | Forraje lanza Quejidos que no escucha nadie
- 7/ 6/ 2004 | A formación coruñesa Cantigas da terra presenta un novo traballo despois de vinte anos