Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Leilía fecha máis de tres décadas de actividade coa xira Vidas Cantadas
Leilía fecha máis de tres décadas de actividade coa xira Vidas Cantadas
marzo 8, 2023
Durante a súa actuación na Feira do Queixo de Arzúa, o pasado 4 de marzo, o grupo Leilía facía o anuncio desde o escenario. A súa actual xira, Vidas Cantadas será a última que realicen como grupo. Logo de 34 anos de existencia, o recoñecido conxunto de pandeireteiras pon punto e final á súa actividade, segundo confirmou a axencia Culturactiva.
A xira, que levará a Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez por diferentes localidades do país, achega novas versións de cancións do repertorio da formación, que foi pioneira na reivindicación da percusión e do canto de mulleres no folk galego. Logo de Arzúa, Leilía ten previstas as súas vindeiras actuacións en Ribadeo (11 de marzo), Carnota (8 de abril) e Noia (23 de abril).
Ao longo dos seus anos de actividade, as cantareiras gravaron os álbums Leilía (1994), I é verdade, i é mentira (1998), Madama (2003), Son de Leilía (2005) e Consentimento (2011), ademais de desenvolver múltiples colaboracións con artistas do país.