Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
novembro 18, 2022
O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.