Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC

A ASOCIACIóN GALEGA DE ANTROPOLOXíA PUBLICOU ESTE DOCUMENTO

Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC

FOLK | novembro 29, 2022

imaxe non dispoñible

"A foliada é a manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas. Caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben".

Deste xeito define esta actividade o Informe técnico para a incoación da foliada como BIC que acaba de publicar a Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) na sua páxina web. Este informe, de case 90 páxinas, define esta forma cultural, a atender á súa historia, situación actual, posibles medidas de protección ou ameazas. O volume, elaborado pola empresa Ab Origine, foi entregado polos investigadores Beatriz Busto Miramontes, Xulia Feixoo, Rafael Quintía e Félix Castro na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para a súa toma en consideración.

No mesmo considérase a foliada "como un espazo de enculturación no que se dan múltiples e diversos métodos, técnicas, prácticas, dinámicas e saberes musicais, culturais e sociais de gran relevancia para a sociedade galega que xustifica a súa declaración como Ben de Interese Cultural". O documento identifica as persoas portadoras deste patrimonio inmaterial coas diferentes funcións con que contribúen ao mesmo. O volume inclúe tamén un glosario de termos vencellados con esta celebración, testemuños de persoas que participan na mesma ou bibliografía relacionada.

Entre outros datos, o informe sinala que "no ano 2022 celebráronse máis de cento vinte foliadas, das cales aproximadamente un 27% tiveron lugar na provincia da Coruña, un 45% na provincia de Pontevedra, un 19% na provincia de Lugo, un 7% na provincia de Ourense, un 1% na Galicia estremeira e un 1 % noutros territorios da Península".