Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
xaneiro 9, 2023
O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.
Na outra categoría a concurso, RegueiNovos, participaron Carmen María Taibo (Carmaría), Sara Marchena, Daniel Vilas (Chaminho), Cristian Gómez, Óscar García e Yéssica Nantón, que resultou vencedora. As catro persoas finalistas nas dúas categorías a concurso eran da comarca de Bergantiños, o que amosa a importancia da improvisación oral nesta zona.
No apartado de exhibición RegueInfas, dedicado a crianzas que se inician nesta disciplina, amosaron as súas habilidades os alumnados da Escola Semente de Compostela e do instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces. Tamén se puideron ver os cantares ao desafío dos portugueses Augusto Canário e Cândido Miranda. Canário fixo parte do xurado canda a Manolo Maseda, Olalla Liñares, Xan Fernández Carrera e Carlos Alonso Piñeiro.
O xornal La Voz de Galicia organiza o festival co apoio do grupo Calvo e da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Carballo.