Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Carlos Núñez fai xira este verán por enclaves patrimoniais con encanto
Xénero:
| 2 / 7 / 2019O Parador de Baiona acollerá no solpor do vindeiro día 13 o inicio dunha xira moi especial do músico vigués Carlos Núñez, un dos abandeirados destacados a nivel internacional da música galega de raiz. Baixo o nome "Lugares máxicos" Núñez levará a súa música a catorce sitios especiais de grande valor patrimonial e histórico, moitos deles en chan sacro, e tanto dentro das catro provincias da comunidade galega como fóra delas. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) é outro dos dez concertos que poderemos ver no país e que será a segunda data deste percorrido, o día 14. O músico escolleu, como xa fixera o pasado ano, lugares moi especiais para encontrarse co público creando atmosferas “máxicas”. O día 25, coincidindo co Día da Patria Galega , o músico actuará no Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense). Ademais, ata o vindeiro día 13 de agosto, Núñez tamén pasará pola Igrexa de Santa María de Abades en Silleda; a de San Martiño en Noia; o Mosteiro de Oseira; Catedral de Mondoñedo; Castelo de Monterrei e finalmente o Mosteiro de Meira, en Lugo. O vigués alternará tamén estes concertos con outras citas fóra de Galicia e de España, coas que pasará por Madrid, Barcelona, Fez (Marrocos) , Francia ou Suíza, antes de dar o salto en outubro cara a Arxentina.
Rianxo acolle o XV Encontro Zona da Zanfona
Xénero:
| 26 / 6 / 2019Do 3 ao 7 de xullo vindeiros Rianxo acolle a XV edición de Zona da Zanfona. O encontro internacional de zanfonistas contará nesta ocasión con recitais a cargo de Germán Díaz e Benxamín Otero coas súas 13 cancións bonitas e mais de Obal. María e Manuela presentarán O conto da zanfona, que adapta a historia da cega Rosa María do Val. Os xa habituais cursos, desta volta a cargo de Óscar Fernández na iniciación e Paulo P. no nivel avanzado, complétanse cun curso de danzas galegas e europeas. Canda a histo haberá o habitual encontro e foliada de escolas de zanfona do país. Esta xeira inclúe tamén a presentación da segunda entrega do Cancioneiro #ZdZ, unha publicación de acceso gratuíto que propón un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis de intérpretes deste instrumento.
A 36ª Festa da Carballeira de Zas acada o seu sitio entre os grandes eventos do verán
Xénero:
| 13 / 6 / 2019A 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas, na provincia da Coruña, fai valer a súa constancia e coloca o seu cartel entre os festivais de moda tirando de artistas consolidadas e emerxentes e apostando polo eclecticismo sen perder a raíz. Susana Seivane será cabeza de cartel na xornada do venres 2 de agosto e o multipremiado trío Tanxugueiras estará o sábado 3 tamén nesta romaría folk que reúne arredor de cinco milleiros de persoas. Elas son so dous das máis dunha ducia de actuacións previstas este ano e que inclúen tamén a fusión de Dakidarría e a proposta electrónica de Baiuca. A presenza internacional está tamén asegurada coas formacións Celtic Social Club (Francia) e Tide Lines (Escocia). O grupo Korrontxi representará a música tradicional do País Vasco. Na xornada do sábado ademais procurarase manter a esencia de romaría do evento potenciando a sesión vermú con varias actuacións importantes entre as que está o dúa Vudú, Monoulious Dop e a formación internacional Fourth Moon, ademais de Os Farrapos e outras. A Festa da Carballeira de Zas está organizada desde a Asociación Cultural Castro Meda e dedica parte da súa recadación a fins sociais, neste caso a unha asociación local de apoio a persoas con discapacidade funcional. A organización ten aberta ademais unha liña de voluntariado para colaborar no evento.
Marco Foxo recupera romances medievais para os nosos tempos no seu cuarto traballo
Xénero:
| 12 / 6 / 2019Marco Foxo acompañouse dunha vintena de músicos para gravar o seu cuarto traballo. Romances novos e vellos chega ás tendas a recoller romances medievais recollidos por Xosé Lois Foxo nas montañas ourensás, por Valdeorras, Riós, O Bolo ou o Courel. O armenio Emmanuel Hovhannisyan, os iranianos Tina Jamegarmi, Mohsen Sharifian e Habibb Meftah ou os galegos Daniel García, Óscar Ibañez, Emilio Rúa, Lucia Perez e Xabier Biscaíño fan parte deste proxecto, que inclúe temas como o Romance de Dona Ildara, Adelina, o Romance de Martín García ou Rogelio e a moza deshonrada. Canda a estes, o álbum presenta temas popularizados pola orquesta Os Padernes, como o Bicarelo do Bico do Brelo, con letra de Uxío Novoneyra. O músico apunta que a obra pretende achegar "sosego" aos oíntes actuais con estas composicións que se cantaban ao pé das lareiras.
A música Cristina Pato ocupará a cátedra de Cultura Española da Universidade de Nova York
Xénero:
| 5 / 6 / 2019A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na Universidade de Nova York (NYU) será ocupada ao longo do vindeiro curso pola música e gaiteira galega Cristina Pato. Así o anunciaba o Centro Rei Juan Carlos I de España, reponsable deste posto que naceu en 1983 e que ocuparon anteriormente diferentes persoeiros "especialistas na historia, política, economía ou cultura de España", segundo explica o centro, como Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Estrella de Diego ou Antonio Muñoz Molina.
O festival de Lorient será 'solar' grazas á calor dos 'celtas do sur' chegados de Galicia
Xénero:
| 4 / 6 / 2019"O outro Finisterre: ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", ese finalmente é o lema co que a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, celebra a súa homenaxe á Galicia este vindeiro mes de agosto. Tal e como se anunciara xa o pasado ano este será un ano dedicado a Galicia. A nosa música, lingua e cultura, tamén a gastronómica, estarán presentes durante os dez días deste evento de referencia mundial na Bretaña francesa entre o 2 e o 10 de agosto. "A edición 2019 será solar, -asegura Lisardo Lombardia o director do festival- tanto dende o punto de vista da expresión artística como da convivencia e a festa." O desembarco de artistas e formacións galegas será un feito que salpica o programa do evento con presenza da nosa terra en diferentes formatos. Desde a cea de apertura, o mesmo día 2 de agosto na que participaran as pandereteiras de Xacarandaina e os pandereteiros Os do fondo da barra, a música do país estará moi presente neste evento que ten unha asistencia estimada de 750.000 persoas. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan unha representación galega na que tamén estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López Josele, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Bouba, Xirandela, Davide Salvado, etc.
O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición
Xénero:
| 26 / 4 / 2019A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras. Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario.
Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos
Xénero:
| 4 / 4 / 2019Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.
Pesar na cultura polo falecemento do acordeonista Pazos de Merexo
Xénero:
| 27 / 3 / 2019Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo, popular acordeonista da Costa da Morte, faleceu o pasado luns. A súa habilidade co instrumento, nomeadamente o "floreo" que incorporaba ás interpretacións, fixérono moi popular na súa contorna e valeulle o recoñecemento de pescudadores da música tradicional como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente ou Xurxo Souto. Con presenza en programas televisivos e actuacións en diferentes galas e teatro, protagonizou o volume Pazos de Merexo e o acordeón diatónico da Costa da Morte. Os seus restos foron soterrados onte na igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Tanxugueiras gaña o Premio MIN de disco en galego do 2018
Xénero:
| 14 / 3 / 2019Finalmente Tanxugueiras levou o Premio MIN da Música Independente de España ao mellor disco en galego do 2018 polo seu álbum homónimo co que debutaban. Finalmente as pandereteiras impuxéronse ás outras catro finalistas: Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezetaerre. Ras músicas recolleron o premio durante a gala celebrada este mércores no Teatro Circo Price de Madrid na gran festa da música independente española facendo un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. Tanxugueiras preparan un novo lanzamento discográfico a finais deste ano, que se verá potenciado por este recoñecemento dos Premios MIN, premios no que tamén chegaron a ser semifinalistas como mellor artista emerxente. Non houbo sorte para os outros cinco artistas galegos que se mantiñan finalistas noutras categorías dos galardóns. O disco homónimo das Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, La India, Suíza e no Festival Celtic Connections de Glasgow. Crecendo da man da banda escocesa Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West, chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos