Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Gwendal e Shooglenifty no cartel da 41ª edición do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 28 / 1 / 2019O festival do Mundo celta de Ortigueira aproveitou o salón internacional de turismo FITUR de Madrid para presentar alí o cartel e o programa da súa nova edición. Do 11 ao 14 de xullo se celebrará a 41ª edición desta veterana cita coa música folk na vila coruñesa. O cartel deste ano sae da man do artista Cristian F. Caruncho e busca representar os elementos de distinción que teñen as oito nacións celtas. Gwendal, Anxo Lorenzo Band, Shooglenifty, Flook e Beltaine son algúns dos nomes que conforman un cartel de luxo. Segundo a distribución presentada o xoves 11terá lugar o xa habitual concerto de finalista do concurso Runas e esa noite será Gwendal quen poña o broche. Na segunda xornada, o venres, estarán Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, a Escola de Gaitas de Ortigueira, Moving Hearts, Anxo Lorenzo Band e Project Smok. A xornada do sábado, estará tomada polas bandas Bagad Kerlenn Pondi, Dominic Graham School of Irish Dance, Shooglenifty, Flook e Beltaine. O Fiadeiro, Tanxugueiras e Leilía porán a despedida este ano o domingo.
Sondeseu actuará na gala de apertura do Celtic Connections de Glasgow
Xénero:
| 15 / 1 / 2019A orquestra Sondeseu de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente. Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. Esta será a delegación seleccionada pola Consellería de Cultura e Turismo, que organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte estas oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.
O Consello da Cultura homenaxea o labor das corais coa mostra Son de Galicia
Xénero:
| 10 / 12 / 2018A conmemorar o centenario da histórica coral De Ruada, o Consello da Cultura Galega inaugura mañá a exposición Son de Galicia, que percorre a traxectoria desta histórica formación canda a outras como Toxos e Froles, Cántigas da Terra e Cantigas e Agarimos. A sede de Afundación na Coruña acolle desde este 11 de decembro e ata o vindeiro 26 de xaneiro esta iniciativa que comisariou Miguel Anxo Seixas e que consta dunha serie de paneis acompañados de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, retallos de prensa e outros documentos, así como diversos vídeos de apoio. A mostra aborda cuestións como o traballo etnográfico de recollida da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico destas entidades, as súas xiras internacionais, a importancia das corais no comezo da actividade teatral galega ou o seu compromiso coa lingua. A inauguración celebrarase mañá ás 19 horas.
Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952
Xénero:
| 27 / 9 / 20181952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.
Susana Seivane explora a maternidade en FA
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.
Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections
Xénero:
| 7 / 9 / 2018Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.
2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient
Xénero:
| 9 / 8 / 2018Galicia será a nación convidada de honra á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient o que suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.
Uxía, Romaní e Lorenzo encabezan a galeguidade musical do Interceltique de Lorient
Xénero:
| 1 / 8 / 2018O festival folk máis importante do mundo, o Interceltique da vila frnacesa de Lorient na Bretaña, comezará este vindeiro día 3 de agosto cunha importante presenza de artistas de Galicia encabezada por Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo. Con 48 anos de existencia o festival bretón congrega durante os seus dez días a máis de 4.500 artistas, chegando a haber 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes, o que dá a medida da súa importancia no mundo da música de raíz. Nesta edición dedicada ao País de Gales, a presenza galega é numerosa e destacada, chegando a todos os escenarios do festival con arredor de 130 músicos e bailadores en total, co que acada un dos seus grandes anos na vila bretoa.
O XIV Zona da Zanfona amplía o seu programa
Xénero:
| 28 / 6 / 2018Coas prazas esgotadas chega a Rianxo, os vindeiros 6,7 e 8 de xullo, a XIV edición de Zona da Zanfona. O encontro de zanfonistas conta este ano co sueco Johannes Geworkian Hellman que ofrecerá un concerto solista e un curso para especialistas. Canda a el, Óscar Fernández impartirá o curso de iniciación, e como novidades o programa incluirá un de improvisación oral con Alba María e Benito Lobariñas e outro de bailes do mundo con Mercedes Prieto e Sergio Cobos.
As cantigas de Elena recupera as cancións dunha anciá de Toutón
Xénero:
| 13 / 6 / 2018María Vidal, Pichi Abollado e Pipo Alvariño asinan As cantigas de elena, un álbum que naceu coa intención de salvar do esquecemento o amplo repertorio que tiña na memoria Elena Alonso Pino, muller de Toutón e avoa de Alvariño. Co espírito de recrear as veladas familiares nas que se mesturaban voz, acordeón e guitarra, o trío gravou ao vivo dez temas en PKO Estudios (Boadilla del Monte) aos que se suman cinco gravacións orixinais de Elena, protagonista do álbum.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos