Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections

SEIS GRUPOS OU SOLISTAS PODERáN PRESENTAR OS SEUS ESPECTáCULOS EN GLASGOW

Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections

FOLK | setembro 7, 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.

A organización abre ata as 17,00 h. (hora local escocesa) do 21 de setembro o prazo de inscrición de propostas musicais galegas para levar a cabo a selección artística. Cada unha das seis bandas ou intérpretes desenvolverá un concerto cunha duración mínima de 40 minutos, ademais de ter a oportunidade de ser elixida para actuar no Festival Club, nas sesións BBC ou na gala inaugural do festival. Uns 200 profesionais desprázanse cada ano ata Glasgow para asistir aos concertos desta iniciativa, posta en marcha para impulsar a proxección exterior dos novos talentos musicais escoceses xunto cos do país convidado, que en 2018 foi Irlanda.

Ligazóns