Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / 2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient

A ORGANIZACIóN BRETOA DESVELOU HOXE QUE O NOSO PAíS SERá O TERRITORIO CONVIDADO NA SEGUINTE EDICIóN

2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient

FOLK | agosto 9, 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será a nación convidada de honra á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient o que suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.

Galicia conta habitualmente cunha ampla representación nesta cita. Non en balde, na actual 48ª edición, na que o territorio convidado de honor é o País de Gales, participan Uxía (acompañada por unha banda integrada por Quim Farinha, Santi Cribeiro, Isaac Palacín, Bluenn Le Friec, José Manuel Díaz e Sérgio Tannus), Rodrígo Romaní, Beatriz Martínez, Xulia Feixóo, a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte, o grupo de baile Saiñas de Xove, o gaiteiro Anxo Lorenzo, Pepe Vaamonde e o cuarteto Sementeira. Así mesmo, o 33 Trofeo Mac Crimmon de Gaita peninsular contou con catro solistas galegos: Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas.