Susana Seivane explora a maternidade en FA
setembro 14, 2018
Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.
A presentación oficial do traballo será o vindeiro 19 de setembro na homenaxe a Manuel María Lúas de outono no coruñés Teatro Rosalía de Castro. Posteriormente anúncianse concertos en Ponteareas (22 de setembro), Alcalá de Henares (9 de outubro), Fnac A Coruña (20 de outubro ), Auditorio Municipal de Vigo (16 de novembro) e no Teatro Gaztambide de Tudela o 6 de decembro.
Tamén che pode interesar:
- 15/ 10/ 2020 | Susana Seivane recupera nun disco os temas que interpretou durante o confinamento
- 31/ 7/ 2008 | Ribeira de Piquín galardoa a traxectoria artística de Xosé Manuel Seivane
- 5/ 5/ 2004 | A gaiteira Susana Seivane presenta no Consello da Cultura Galega o seu novo traballo “Mares de Tempo”
- 12/ 3/ 2004 | A gaiteira Susana Seivane presenta "Mares de tempo", o seu novo proxecto musical
- 23/ 6/ 2003 | Susana Seivane e Berrogüetto ultiman as súas xiras internacionais para este verán