Ti estás aquí > Inicio / / Pesar na cultura polo falecemento do acordeonista Pazos de Merexo
Pesar na cultura polo falecemento do acordeonista Pazos de Merexo
marzo 27, 2019
Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo, popular acordeonista da Costa da Morte, faleceu o pasado luns. A súa habilidade co instrumento, nomeadamente o "floreo" que incorporaba ás interpretacións, fixérono moi popular na súa contorna e valeulle o recoñecemento de pescudadores da música tradicional como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente ou Xurxo Souto. Con presenza en programas televisivos e actuacións en diferentes galas e teatro, protagonizou o volume Pazos de Merexo e o acordeón diatónico da Costa da Morte. Os seus restos foron soterrados onte na igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Diferentes colectivos e persoeiros da cultura do país lamentaron o pasamento. A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que o declarara Mestre da Memoria en 2018, dedicoulle un amplo obituario, mentres a Asociación de Gaiteiros Galegos amosou tamén o seu "fondo pesar" polo deceso. Do mesmo xeito, a Fundación Eduardo Pondal, o Festival de Cans, no que participara, e o seu director Alfonso Pato, Xosé Henrique Ribadulla Corcón ou o programa da Radio Galega Lume na palleira transmitiron o seu dó.