Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
A Xunta ampliará a proposta de declaración como BIC do baile tradicional
Xénero:
| 16 / 3 / 2020O Diario Oficial de Galicia deste 16 de marzo publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que deixa sen efecto a incoación para declarar ben de interese cultural o baile tradicional. Cando se fan dous anos do comezo do proceso, esta orde fecha aquela iniciativa, ao tempo que anuncia a posta en marcha dun novo procedemento ampliado co que se pretende declarar como BIC o conxunto do baile e da música tradicional do país. A nova declaración iniciará agora unha fase de análise previa á posta en marcha a súa incoación.
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición
Xénero:
| 13 / 3 / 2020Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.
Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo
Xénero:
| 12 / 3 / 2020"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.
Germán Díaz e Tanxugueiras aparecen como favoritos nos Premios Opinión de Música de Raíz
Xénero:
| 6 / 3 / 2020O xornal La Opinión publicaba na mañá deste 6 de marzo a listaxe de finalistas para XIX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. Na listaxe destaca a presenza de Germán Díaz, que está presente nas catro categorías dos galardóns. O zanfonista, para alén de optar ao premio ao mellor intérprete, aspira ao de mellor disco polo Trece cancións bonitas que gravou con Benxa Otero, e onde se atopan tanto Es un sombrero, aspirante a mellor tema orixinal, como Alalá de Muxía, candidata á mellor adaptación dunha peza tradicional.
aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade
Xénero:
| 12 / 12 / 2019Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.
Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad
Xénero:
| 25 / 11 / 2019Tras da consecución este ano do premio Martín Códax da Música e no 2018 do premio a Mellor álbum galego dos Premios MIN da Música Independente co seu primeiro disco, había moitas miradas postas con expectación o seguinte paso a dar por esta formación de tres novas mulleres que chegaban para poñer o seu selo persoal na música tradicional. Agora con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro avanzan nun son propio, o do Trad contemporáneo que vai sumando adeptos desprexuizados e co que exploran os límites da música tradicional e déixanse influír por outros ritmos e tamén polas novas formas da cultura urbana. Coa presentación anticipada dos dous primeiros temas do disco en vídeo o trío deixa xa clara esta intención de participar das correntes urbanas, pero sen perder de vista a raíz tradicional a partires da que fan crecer o seu proxecto. Na intención declarada de Tanxugueiras está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. As tres asumiron nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado, feito sen prexuízos e que se engrandece dunha escoita sen eles tamén. O disco xa está en todas as plataformas dixitais.
Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'
Xénero:
| 1 / 10 / 2019Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.
A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon
Xénero:
| 7 / 8 / 2019No marco desta edición do Festival Interceltique de Lorient dedicada á cultura galega a gaiteira coruñesa María López Carballo ven de deixar a súa marca ao gañar o prestixioso certame Mac Crimmon de gaita que enfronta a intérpretes galegos con asturianos desde 1986. Esta é primeira vez que unha muller galega gaña este trofeo (unha asturiana o gañou en 2010) e a duodécima que o premio cae en mans galegas neste certame que leva xa 34 edicións. Segundo informa InfoAstruries a final quedou nun empate entre María López e o asturiano Fernando Vázquez Cárcaba que se resolveou xa que as normas ditan que nestes casos a persoa máis nova leva o trofeo e a galega conta só 14 candeas polo de agora. A coruñesa presentou un amplo repertorio con temas tradicionais galegos, asturianos e bretóns. María López enpezou os seus estudos musicais con seis anos na Escola de Música Bellón Maceirase ten tocado xunto a Carlos Núñez e Susana Seivane.
O Premios Rebulir recoñecen á Coral De Ruada, 'Morris' e Rosa Cedrón
Xénero:
| 30 / 7 / 2019A Coral de Ruada, o actor Antonio Durán ‘Morris’ e a músico Rosa Cedrón fixéronse merecedores este ano de cadanseu Premio Rebulir de Cultura Galega nas modalidades de Premio Homenaxe, Artes escénicas e Música Galega, respectivamente. Os premios outorgados pola Asociación Cultural Rebulir, de Ramirás (Ourense) supoñen un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) que este ano chega á súa XIVª edición en decembro e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuílla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Un xurado decidiu os nomes dos premiados de entre unha lista de finalistas que foi sometida previamente a votación popular entre os membros da asociación.
Dor na música tradicional polo pasamento de Santiago Caneiro
Xénero:
| 16 / 7 / 2019Sucédense con pesar dende onte as despedidas a Santiago Caneiro Aneiros, que faleceu aos 58 anos de idade. O seu pasamento chegou con especial calado ao eido da música tradicional onde a súa labor de décadas non deixou de ser recoñecida e apreciada. Caneiro foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, fundador do Obradoiro de construción de instrumentos tradicionais do mesmo Padroado e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos entre 1993 e 2015 para pasar despois ao posto de Presidente de Honra da asociación. A súa dedicación e activismo no eido da música tradicional marcou diferenzas "desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular", segundo recoñece nun comunicado a alcaldía de Narón neste lutuoso momento. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro destacando a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas. A mandataria naronesa agradeceu en nome da corporación a "intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade", ao tempo que lamentou "a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade".
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos