Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad

O DISCO PROCURA A INCLUSIóN DA MúSICA TRADICIONAL GALEGA NAS CORRENTES URBANAS

Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad

FOLK | novembro 25, 2019

contrapunto_tanxugueiras.jpg

Tras da consecución este ano do premio Martín Códax da Música e no 2018 do premio a Mellor álbum galego dos Premios MIN da Música Independente co seu primeiro disco, había moitas miradas postas con expectación o seguinte paso a dar por esta formación de tres novas mulleres que chegaban para poñer o seu selo persoal na música tradicional. Agora con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro avanzan nun son propio, o do Trad contemporáneo que vai sumando adeptos desprexuizados e co que exploran os límites da música tradicional e déixanse influír por outros ritmos e tamén polas novas formas da cultura urbana. Coa presentación anticipada dos dous primeiros temas do disco en vídeo o trío deixa xa clara esta intención de participar das correntes urbanas, pero sen perder de vista a raíz tradicional a partires da que fan crecer o seu proxecto. Na intención declarada de Tanxugueiras está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. As tres asumiron nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado, feito sen prexuízos e que se engrandece dunha escoita sen eles tamén. O disco xa está en todas as plataformas dixitais.

A maneira con que Tanxugueiras reinterpreta a música tradicional deixase notar nas letras cos dez temas. Son palabras recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que Tanxugueiras combina para construír un relato actual de diferentes sentimentos e situacións vitais, coas súa cara e a súa cruz. Así, o disco enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio (o primeiro single do álbum), Irmandade e Maltraer, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que se atopan en Perfidia. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de Autocracia, unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza sobre o desengano. A xira galega de presentación do novo disco comeza este venres na Sala Rebullón de Mos (Pontevedra) para posteriormente pasar polo Culturgal e ter sucesivas actuacións en Celanova, Burela e Santiago (Sala Capitol, 2 de febreiro).



datos do disco
Ligazóns