Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición

A COMPAñíA QUEIMAN E POUSA ESTREOU TAMéN UNHA CURTA DOCUMENTAL SOBRE O HOMENAXEADO NO DíA DAS LETRAS

O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición

FOLK | abril 26, 2019

imaxe non dispoñible

A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras. Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario.

No espectáculo interpretaranse temas da tradición musical galega recollidos polo homenaxeado canda a cancións compostas para a ocasión como Fraguas de amor, con texto do propio Fraguas e música de Sergio Grammary, O rostro de Galicia, de Domingo Gontán ou A derradeira lección do Mestre en homenaxe a Castelao e a Bóveda. Recitados, declamacións e unha mostra de traxes tradicionais e de gala recreados a partir das investigacións de Fraguas fan parte do proxecto. Logo da estrea, Amantes da Terra poderá verse o vindeiro 5 de maio en Redondela e o día 12 en Portas.

En paralelo, Queiman e Pousa presentaron tamén co mesmo título unha curtametraxe documental que repasa a traxectoria e labor de Antonio Fraguas, e que está dispoñible integramente en Youtube.