Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Liorna presenta Sarahyba
Xénero:
| 9 / 6 / 2011Unha reescritura outorgándolle novos sons ás estruturas e temas dos seus comezos. Esta é a proposta que fai o grupo Liorna en Sarahyba, o disco que acaba de lanzar da man de Edicións do Cumio. O proxecto, que segue na liña folk habitual do grupo, presenta dez cancións nas que unha coidada instrumentación deixa espazo a xogos vocais, sempre partindo da tradición. Entre os temas inclúense dous que fixeron parte de Gallaecia, musical da Orquestra Sinfónica de Melide. Un concerto na Festa da Xuventude, o vindeiro 25 de xuño en Ardán é a primeira cita da xira de presentación, segundo anuncia o grupo no seu MySpace.
Uxía fai 25 anos na música con Meu canto
Xénero:
| 7 / 6 / 2011Quince temas que percorren o repertorio de Uxía en directo, dos cales só un fora gravado previamente. Esta é a proposta que fai esta intérprete en Meu canto, o disco co que conmemora os seus 25 anos no mundo da música. Da man do selo Fol, o proxecto achega temas xa clásicos como O verdegaio, A rianxeira, O ramo verde ou o Alalá das mariñas. O disco foi gravado en Rio de Janeiro con produción de Jaime Além e conta con colaboracións de Sérgio Tannus e a voz de Lenine en Os teus ollos.
Ugía Pedreira e Fred Martins funden os seus repertorios en Acrobata
Xénero:
| 3 / 6 / 2011Desde que se coñeceron en 2008 en Río de Janeiro, Ugía Pedreira e Fred Martins iniciaron unha frutífera colaboración que se acaba de concretar en Acrobata. Trátase do primeiro traballo discográfico común que revisa a conexión galego-portuguesa-brasileira, e para o que contaron coa achega de numerosos colaboradores como Pedro Pascual. O disco chámase Acrobata, en homenaxe á ave do litoral de Baía que está en perigo de extinción. O Centro de Interpretación Ambiental do Parque de Belvís en Santiago acolleu onte o primeiro dos concertos de presentación e que repiten esta tarde. “Acrobata” foi gravado nos Estudios Beograd, o Auditorio de Galicia e o Conservatorio de Ourense. As gravacións adicionais foron feitas por Quim Farinha, Luis Peixoto, Germán Díaz, Marcelo Martins e Marcos Suzano. Este traballo está producido e dirixido musicalmente por Pedro Pascual, misturado e masterizado en Savik Sound (Caritel-Ponte Caldelas).
Riobó presenta o seu primeiro disco
Xénero: VIDEO + IMAXES
| 13 / 5 / 2011 +O apelido de Begoña Riobó, recoñecida violinista do panorama folk galego, sérvelle de nome á formación que lidera e mais ao primeiro disco da mesma. Riobó chega ás tendas da man de Zouma Records, e recupera melodías tradicionais con arranxos actuais dentro do estilo presentando 10 temas neste traballo. Para alén de Begoña, o grupo conta con Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e flautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (flautas e requinta). Begoña Riobó ten acompañado cos seus violíns de xeito habitual músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane ou Anxo Lorenzo entre outros.
Chegan os Ulträqäns
Xénero: AUDIO
| 5 / 5 / 2011 +Logo de tres anos e medio, o grupo Ulträqäns presenta o seu primeiro disco. Folk, punk, sintetizadores ou ritmos balcánicos mestúranse nun proxecto difícil de definir pero que os seus responsables reivindician como fusión retrofuturista ou steampunk. Dezasete temas, dos que só catro teñen letra, son a carta de presentación do conxunto, que se autoproduciu e gravou na casa un proxecto que sae autoproducido baixo o selo Lobicán. comeza agora unha xira na que, cun repertorio bastante mais cantado, o grupo amosará o seu bo facer en directo ao longo e ancho do país.
A cidade protagoniza dous ciclos en Lugo
Xénero:
| 4 / 5 / 2011Música e Cidade é o lema da terceira edición do ciclo Sons Creativos que se vai desenvolver en Lugo os vindeiros 20 e 21 de maio. O encontro, organizado no marco da iniciativa Lugo Cultural, pretende servir de punto de encontro para compositores e músicos internacionais de vangarda. O programa desta edición inclúe un concerto coa participación de José Luis Carles e Cristina Palmese, Efraím Díaz, Pilar Cabeza, Elena Hidalgo, Antonio Alcázar e mais alumnos de Miguel Molina e do Grupo de Creación Musical da USC, así como mesas redondas sobre paisaxes sonoros ou música, cidade e pedagoxía. De xeito paralelo, está a se celebrar tamén en Lugo o VII Curso de Primavera da Facultade de Humanidades. Co lema Sub Urmen: historia, sociedade e cultura da cidade diferentes especialistas abordan o papel das cidades ao longo da historia, con aspectos como a arquitectura, a alimentación ou a pegada das urbes na Idade Media galega.
Ataque Escampe presenta Violentos anos dez o seu novo disco
Xénero: AUDIO
| 4 / 5 / 2011 +Logo de apostar polo "decrecemento", o grupo Ataque Escampe presenta Violentos anos dez,o seu cuarto disco. Cunha aposta polos ritmos da música negra do sur do Estados Unidos, como o soul ou toques country, a banda achega letras menos sarcásticas do que en anteriores traballos. O disco, gravado no estudios Abrigueiro de Lugo, está autoeditado e achega dez temas, que se poden descargar de balde no web aregueifa.net baixo licenza Copyleft. Neste mesmo mes porase a venda a vesión física do disco, que achega as letras e mais un tema "freestyle". No seu blog, o grupo explica polo miúdo cada unha das cancións que inclúen neste traballo.
Lugo reivindica a Xoán Montes cunha semana de actos
Xénero:
| 26 / 4 / 2011Xoán Montes. Sóache? é o título do programa de actividades coas que o Museo de Lugo quere dar a coñecer a figura deste músico entre a cidadanía. O proxecto inclúe actividades como unha exposición no propio centro a explicar a vida e a obra do músico, unha ruta polos lugares da cidade relacionados con el, conferencias sobre a súa época e o seu traballo e mais concertos con algunhas das pezas máis coñecidas do compositor entre outras actividades que se desenvolven ata o vindeiro 29 de abril.
A volta á Idade Media
Xénero: VIDEO + IMAXES + AUDIO
| 26 / 4 / 2011 +A fronda dos cervos, o último disco do veterano grupo DOA recolle cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir. O CD inclúe no seu caderno textos explicativos de cada un dos temas e unha introdución á lírica galego-portuguesa da Idade Media asinada por Federico Pérez, tamén hai un limiar da poeta Eva Veiga.
Toxos e Froles recupera o congreso de música tradicional Terra de Trasancos
Xénero:
| 18 / 4 / 2011Levaba varios sen realizarse, pero a asociación Toxos e Froles acaba de anunciar que unha das súas iniciativas destacadas para este 2011 é a celebración do Congreso de Música Tradicional Terra de Trasancos. A cita comezará o vindeiro vernes 29 de abril en Ferrol e desenvolverase ata o sábado. Carlos Núñez será o encargado de abrir o encontro que, será de balde (previa inscrición en info@toxosefroles.com) e que contará con conferencias e concertos.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca