Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario
Xénero:
| 22 / 11 / 2024O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".
Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'
Xénero:
| 21 / 11 / 2024A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.
Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'
Xénero:
| 12 / 11 / 2024O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle hoxe a estrea absoluta da ópera 'Pálido Punto Azul', unha obra contemporánea composta polo músico estradense Javier Otero Neira con libreto de Iria Azevedo, que toma como punto de partida a famosa fotografía da terra tomada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros que foi así definida por Carl Sagan. O espectáculo aborda a representación do lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións artísticas sobre o escenario, amosando a través desta obra colectiva a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo. A estrea na Coruña insírese no programa lírico de temporada de Amigos da Ópera da Coruña. Sobre o escenario a parte lírica correrá a cargo de Esperanza Mara coma personaxe principal, mentres Nerea Brey achega a linguaxe corporal da danza e a performance. O equipo artístico inclúe a dirección musical e interpretación de Javier Otero, o deseño escenográfico e dirección de escena de Iria Azevedo e o deseño de movemento escénico de Rut Balvís. O espectáculo presentarase tamén o vindeiro día 27 no Teatro Principal, en Santiago de Compostelá, dentro do ciclo Contemporáneas e xa en decembro, o día 5 no Teatro Principal da Estrada. 'Pálido punto azul' é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. Creado en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.
Garza presenta o seu segundo disco 'Vertentes'
Xénero:
| 25 / 10 / 2024Os máis de once minutos do tema 'Na franxa' cos que abre o álbum 'Vertentes' son unha boa introdución dos seguintes 55 minutos envolventes que ofrece o segundo traballo de Garza. O artista detrás deste proxecto de música electrónica, Adrian Charlín, percusionista en bandas como Malkeda, regresa cun novo traballo longo tras o seu inicial 'Interferencias' en 2022, de novo baixo o selo ferrolán Ferror Records. Nos doce novos temas que compoñen o disco engádese agora a voz do artista, un elemento máis nun avance evolutivo no seu son, máis puramente electrónico e que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, entre o ominoso e o alegre ao longo dos diversos temas do disco, con profundidade e coidado polos detalles. As letras, inspiradas na estrutura minimalista dos haikus, despregan de maneira aberta un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Este enfoque lírico combínase cunha instrumentación que transita entre o pesado e o etéreo, claramente marcada pola característica de Charlín como percusionista no manexo rítmico e nas sonoridades máis orgánicas, xerando unha atmosfera que invita á introspección e ao mesmo tempo mantén un ritmo vibrante e dinámico. Con este 'Vertentes', dispoñible nas plataformas dixitais, Garza fai unha achega de valor á música electrónica galega e en galego.
O mundo da gaita reúnese en Poio
Xénero:
| 23 / 10 / 2024Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.
A RAGBA celebra o 175 aniversario con música
Xénero:
| 22 / 10 / 2024A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e o Concello da Coruña presentaron 'Os concertos do centenario', tres concertos para conmemorar o 175 aniversario da fundación da RAGBA. Os días 6, 7 e 8 de novembro terán lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 20:00 horas, tres concertos nos que participarán as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña: Cántigas da Terra; Coral Polifónica El Eco; Coral Polifónica Follas Novas; Coral Polifónica Sporting Club Casino; Banda Militar (Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra); a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música; e a Banda Municipal de Música.
Ortiga presenta 'Obra social'
Xénero:
| 4 / 10 / 2024Chega 'Obra social' (Raso estudio) o terceiro traballo en solitario de 'Chicho do funk' como ORTIGA. O compostelán mantén alta a bandeira da reivindicación da música de verbena co seu compendio de ritmos da festa popular, merengue, bachata ou cumbia, aderezados con letras canallas que sitúan as súas cancións na órbita do trap urbano. 'Obra social' presenta dez pezas, algunhas delas xa adiantadas en videoclip fai meses como 'Le hice el seso a tu novio' outras cuxo lanxamento no formato de video chega simultaneamente ao lanzamento do álbum completo, é o caso do tema italo-disco 'Andiamo Fare La Bossa Nova'. Se ben a comuñón coa música das festas está presente en todo o álbum o artista créalle todo un himno a estas celebracións con 'A nosa verbena', tema que fixo para unha campaña de Estrella Galicia de patrocinio destas festas e que agora inclúe neste disco.
Falece a cantareira Xosefa de Bastavales aos 92 anos
Xénero:
| 2 / 10 / 2024Josefa Juncal Barreiro naceu en Tordoia en 1932 e morreu hoxe en Bastavales (Brión) aos 92 anos. A súa parroquia de adopción converteuse nun momento dado no seu apelativo máis coñecido como cantareira e pandereteira cando grazas a unha relación xurdida de xeito casual con Manu Chao comezou a colaborar co artista galego-francés ata o punto de acompañalo en concertos por Francia e Barcelona cano ela xa tiña máis de 70 anos. Múltiples foron as súas aparicións en programa da TVG, dedicándolle incluso un monográfico do Alalá. A súa casa en Brión foi lugar de reunión de músicos galegos que ían inspirarse nela, auténtica posuidora dun don para a música na que foi autodidacta, e como representante dunha tradición de cantareiras e pandereteiras.
Baiuca lanza un 'Barullo' cheo de voces para bailar
Xénero:
| 30 / 9 / 2024O artista de Catoira, que este ano recollía tres premios MIN da música independente, ven de sacar 'Barullo' (Raso estudio), o seu terceiros disco longo, tres anos despois de 'Embruxo' (Raso estudios, 2021) e seis anos despois do seu debut con 'Solpor'. O proxecto de Alejandro Guillán conta para este traballo con varias colaboracións especiais pro aparte figuras tan destacadas como Antía Ameixeiras ( do dúo Ca amaño & Ameixeiras), Felisa Segade (Leilía), Xabier Fernández, Carlangas (Novedades Carminha) ou as pandeireterias de Lilaina, as mesmas que contibuíron ao tema de C.Tangana 'Oliveira dos cen anos'. Dez temas inclúe este 'Barullo' que abre a canción 'Navajitas', na que colaboran Felisa Segade e Xabier Fernández. O disco está marcado por unha vocación de baile, partindo da música tradicional e do concepto de foliada popular que son marca do proxecto e que os traballos videográficos de Adrian Canoura contribúen a acentuar. Baiuca é xa un nome habitual en festivais dentro e fóra das nosas fronteiras e o seu repertorio que conecta a tradición coas músicas electrónicas é benvido en moitas citas de ambos xéneros musicais.
A USC expón o fondo do Mestre Vide doado pola familia
Xénero:
| 25 / 9 / 2024A facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago acolle desde onte no seu primeiro andar a exposición 'José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán' que amosa os diversos materiais pertencentes ao fondo do compositor José Fernández Vide doado pola súa familia á USC. Coñecido como Mestre Vide, José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981) pertence á Xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30. Con formación na capela da catedral como neno de coro, máis tarde incorporouse á vida pública como docente e activista musical, director de coros e prestixioso compositor. En 1924 chegou ao Centro Galego da Habana para ocuparse da docencia do seu centro musical, unha etapa na que acadou notables éxitos como director de rondalla, compositor e pianista, e na que chegou a ser nomeado director do Conservatorio do Centro Galego. En 1932 regresa a Ourense, onde ata a súa xubilación será director do Orfeón Unión Ourensana ademais de encargarse da docencia musical da escola de Maxisterio e do Instituto As Lagoas de Ourense. Na exposición comisariada por Teresa Bellido, Aitana Catalá e David de la Torre hai 109 pezas, pero máis alá das partituras o fondo tamén inclúe correspondencia, fotografías ou obxectos persoais, e mostra o traballo de Fernández Vide como compositor de música para orquestra, para banda ou para grupos de música de cámara. Poderá visitarse con acceso libre ata o vindeiro 24 de outubro.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca