Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'

CONTA CON LIBRETO DE IRIA AZEVEDO E INCLúE ARTES DO MOVEMENTO E VíDEO

Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'

CLáSICA/LíRICA | novembro 12, 2024

imaxe non dispoñible

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle hoxe a estrea absoluta da ópera 'Pálido Punto Azul', unha obra contemporánea composta polo músico estradense Javier Otero Neira con libreto de Iria Azevedo, que toma como punto de partida a famosa fotografía da terra tomada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros que foi así definida por Carl Sagan. O espectáculo aborda a representación do lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións artísticas sobre o escenario, amosando a través desta obra colectiva a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo. A estrea na Coruña insírese no programa lírico de temporada de Amigos da Ópera da Coruña. Sobre o escenario a parte lírica correrá a cargo de Esperanza Mara coma personaxe principal, mentres Nerea Brey achega a linguaxe corporal da danza e a performance. O equipo artístico inclúe a dirección musical e interpretación de Javier Otero, o deseño escenográfico e dirección de escena de Iria Azevedo e o deseño de movemento escénico de Rut Balvís. O espectáculo presentarase tamén o vindeiro día 27 no Teatro Principal, en Santiago de Compostelá, dentro do ciclo Contemporáneas e xa en decembro, o día 5 no Teatro Principal da Estrada. 'Pálido punto azul' é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. Creado en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.