A USC expón o fondo do Mestre Vide doado pola familia
setembro 25, 2024
A facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago acolle desde onte no seu primeiro andar a exposición 'José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán' que amosa os diversos materiais pertencentes ao fondo do compositor José Fernández Vide doado pola súa familia á USC. Coñecido como Mestre Vide, José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981) pertence á Xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30. Con formación na capela da catedral como neno de coro, máis tarde incorporouse á vida pública como docente e activista musical, director de coros e prestixioso compositor. En 1924 chegou ao Centro Galego da Habana para ocuparse da docencia do seu centro musical, unha etapa na que acadou notables éxitos como director de rondalla, compositor e pianista, e na que chegou a ser nomeado director do Conservatorio do Centro Galego. En 1932 regresa a Ourense, onde ata a súa xubilación será director do Orfeón Unión Ourensana ademais de encargarse da docencia musical da escola de Maxisterio e do Instituto As Lagoas de Ourense. Na exposición comisariada por Teresa Bellido, Aitana Catalá e David de la Torre hai 109 pezas, pero máis alá das partituras o fondo tamén inclúe correspondencia, fotografías ou obxectos persoais, e mostra o traballo de Fernández Vide como compositor de música para orquestra, para banda ou para grupos de música de cámara. Poderá visitarse con acceso libre ata o vindeiro 24 de outubro.