Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Un recital lembra a importancia de Pucho Boedo revisitando o repertorio dos Tamara
Xénero:
| 23 / 8 / 2011Unha lectura superficial diría que Pucho Boedo foi o cantante dos Tamara, a quen a Coruña lembra con dúas estatuas (unha praza de Azárraga e outra no Ventorillo). Outra moito máis profunda evidenciaría que foi a banda sonora do país, que cantou en galego e que liderou unha banda que chegou a ser formación residente no Olympia de París. Por iso hoxe, os cantantes Sito Sedes, Miguel Ladrón de Guevara e Paco Lodeiro, xunto coa Banda Municipal de Música e co escritor Xurxo Souto como presentador ofrecerán a súa particular homenaxe a Boedo. Esta noite (21:30 horas), a praza de María Pita soará ao ritmo de clásicos como Galicia terra nosa ou A Santiago voy .
O disco Meu Canto de Uxía entra no número 7 das listaxes europeas da World Music
Xénero:
| 12 / 8 / 2011É un disco composto por 15 cancións, gravadas no Brasil xunto con Jaime Alem e co que Uxía celebrou os 25 anos de carreira artística. Meu canto, título do traballo, acaba de entrar nas listaxes europeas de World Music. Os 44 xornalistas que compoñen o xurado votaron este proxecto que figura no número sete dese listado. Pero non é a única nova positiva para a cantante galega, xa que a revista británica SONGLINES incluirá o tema Os teus ollos na compilación que incluirá a revista no seu número de outubro.
Dios Ke Te Crew saca a rúa o seu agardado segundo disco Humanose
Xénero:
| 20 / 7 / 2011Desde hoxe está a venda o novo disco da formación ordense de hip-hop Dios Ke Te Crew. Humanose está editado por Boa Music, a discográfica máis importante do hip hop da península e que está dirixida polo galego Fernando Luaces. Este é o seu segundo traballo despois do autoeditado Xénese en 2006 do que chegaron a vender máis de 7000 copias. O colectivo, un dos máximos expoñentes do rap en galego desde os seus inicios en 2003, segue a manter en Humanose a súa actitude contestataria e crítica nas rimas, politicamente incorrecta e chea de aceda retranca. O grupo quere ofrecer no novo disco unha mellora na calidade da súa música: non só as bases e os textos dos 13 temas enganchan á primeira, ademais non aforraron en medios, sirva coma mostra a masterización en Masterdisk (NYC) por Tony Dawsey (Nas, Jay-Z, Redman, Gangstarr, Das EFX...). Tamén o formato físico do CD busca sorprender deseñado por dous recoñecidos artistas do street art: Liqen e Sekone, trátase dun dixipack de 3 corpos que inclúe un póster 36x36cm e un libreto con información.
Preséntase en concerto Admirando a condición, o primeiro disco de Sés
Xénero:
| 19 / 7 / 2011O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este xoves 21 o concerto de presentación do disco Admirando a condición, primeiro traballo discográfico do proxecto musical Sés liderado por María Xosé Silvar. Acompañada dunha banda de dez músicos profesionais Sés presenta neste traballo producido por Airapro, dez temas propios en galego gravados con toda a banda, metais e coros e ademais un corte extra no formato acústico co que actuaron Silvar e Tito José Calviño nos meses pasados en bares e locais de toda Galicia. Admirando a condición gravouse e mesturouse nos estudos Bruar da Coruña. Formada na música e no baile tradicional María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. No 2007 creou xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Co seu proxecto persoal Sés ofrece a súa enerxía musical a través de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego.
Aprendendo do público
Xénero:
| 4 / 7 / 2011É habitual nas artes escénicas pero non tanto na música. O mércores 22 de xuño, a cantante Uxía compartiu co seu público o ensaio xeral do seu espectáculo Meu Canto no Salón Teatro de Compostela. Unha sesión para afinar o espectáculo antes dunha xira na que percorrerá Galicia, o norte de Portugal e Madrid, e da que se extraen valiosas ideas para mellorar o espectáculo antes da súa estrea pública. Falamos con Uxía para coñecer máis sobre a experiencia.
O galego campa achegará a música en galego aos campamentos de verán
Xénero:
| 28 / 6 / 2011Achegar o galego aos campamentos de verán que organiza a Xunta este verán. Esta é a proposta de O galego campa, a iniciativa que a Dirección Xeral de Política Lingüística presentaba esta mañá. A proposta, destinada a rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos artéllase a partir do disco Desaparafusador de gominola, no que participan artistas como Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Ramón Bermejo, Germán Díaz ou Quim Farinha interpretando temas de diferentes estilos. A partir do CD a campaña propón unha serie de actividades lúdicas que pretenden favorecer a expresión oral e escrita na nosa lingua dentro de dinámicas colectivas. O disco está dispoñible integramente e coas súas letras no web de Política Lingüística.
Unha semaniña de catro discos
Xénero:
| 23 / 6 / 2011O último álbum de Treixadura fecha un ciclo que coincide con vinte anos dos grupo e cunha tetraloxía discográfica, un proxecto pouco común no noso país. A seguir a liña de recuperación de cantos tradicionais e de taberna, o grupo combina agora o seu son co das bandas de música e outras corais nunha ambiciosa aposta que estará de xira polo país esta verán.
Roger de Flor canta á loucura cotiá no seu novo disco
Xénero:
| 22 / 6 / 2011O cantautor fenés Roger de Flor presenta estes días o seu novo traballo discográfico El mundo esta loco, loco, loco… (PAI Música), un traballo con doce novas cancións en galego ou castelán, a maioría de composición propia. O disco foi gravado nos estudios “Anca” en Neda e mesturado nos estudios de “Casa de Tolos” (Gondomar), coa produción de Segundo Grandío. O seus temas -cargados de melancolía, amor, esperanza e vitalidade- están impregnados co estilo irónico-emotivo do artista fenés, que comezou a súa andaina en 2007 con Canciones de amor y retranca, traballo ao que seguiu en 2009 Naturalidad Silvestre. Unha das novidades deste disco está na incorporación da sección de metais o que lle dá certo carácter soul a algunhas das cancións. En “El mundo esta loco…” volven participar moitos dos seus colaboradores habituais, músicos como Cabe García, Fran Rey, Víctor Gacio e Sergei Izmailov, entre outros.
Talabarte presenta o seu primeiro disco de música tradicional contemporánea
Xénero:
| 16 / 6 / 2011Música acústica que parte da tradición contemporánea, esta é a aposta de Talabarte, unha formación que presenta agora o seu primeiro disco. Tangos, folk, jazz ou a música popular galega e europea mestúranse nun proxecto que conta con tres pesos pesados do actual panorama folk no país: O violín de Quim Farinha (Berrogüetto) , o acordeón diatónico de Pedro Pascual (Marful) e o contrabaixo de Kin García (Susana Seivane). O disco, que achega catorce temas, estará dispoñible tanto en formato físico como de xeito electrónico, a partir do vindeiro 20 de xuño.
Manu Clavijo publica o seu disco sobre poemas de Lois Pereiro
Xénero: AUDIO
| 10 / 6 / 2011 +Dezaseis textos de Poesía última de amor e enfermidade musicados. Esta é a proposta que Manu Clavijo está a levar nos últimos meses por escenarios de todo o país e que agora ve a luz no disco Lois Pereiro. Canción Última.... Temas adaptados a formato acústico que abordan a parte máis intimista das creacións do poeta homenaxeado no Día das Letras. O disco sae da man de Edicións do Cumio e sae en formato digipack con 20 páxinas de textos.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca