Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Preséntase en concerto Admirando a condición, o primeiro disco de Sés
Preséntase en concerto Admirando a condición, o primeiro disco de Sés
xullo 19, 2011
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este xoves 21 o concerto de presentación do disco Admirando a condición, primeiro traballo discográfico do proxecto musical Sés liderado por María Xosé Silvar. Acompañada dunha banda de dez músicos profesionais Sés presenta neste traballo producido por Airapro, dez temas propios en galego gravados con toda a banda, metais e coros e ademais un corte extra no formato acústico co que actuaron Silvar e Tito José Calviño nos meses pasados en bares e locais de toda Galicia. Admirando a condición gravouse e mesturouse nos estudos Bruar da Coruña. Formada na música e no baile tradicional María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. No 2007 creou xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Co seu proxecto persoal Sés ofrece a súa enerxía musical a través de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego.